Unha conversa co escritor Xabi Maceiras poderá empezar con fútbol, política ou audiovisual, pero acabará sempre, irremediablemente, lembrando os episodios da historia de Arteixo, desde as expropiacións do polígono de Sabón –que está a recoller nun documental xunto a Xosé Antón Bocixa– ata a primeira muller taxista do municipio ou as anécdotas da estación de ferrocarril de Uxes, agora en desuso.
Maceiras, membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega, é unha auténtica enciclopedia sobre o concello e vén de cumplir 100.000 visitas no seu blog, Crónicas de Arteixo, no que cada semana honra diferentes personaxes, lugares ou edificios deste territorio tras escoitar os testemuños dos maiores do municipio, dos que di aprender moitísimo: “Hai que explotar ao máximo a transmisión oral cos nosos maiores. Atesouran historias que, de non recollelas, acabaremos esquecendo”, sinala.
arteixo antes da industria
Comezou co blog, explica, porque tiña na cabeza moitas historias “que quizais nunca podería chegar a publicar en papel”. Quixo abarcar moitos temas, indica, pero comprobou que os textos que máis gustaban ao público eran os que deixaban ver o lado do Arteixo antigo, o que xa existía antes de Inditex e da revolución industrial en Sabón.
“Agora céntrome nos meus recordos de infancia, nos sitios que frecuentaba de neno e que siguen aí, pero tamén naquelas persoas que son ou foron unha parte importante da historia de Arteixo”. Así, Xabi Maceiras, veciño do Rañal, xa ten dedicado entradas na súa páxina á Panadería Fernández de Lañas –ata agora, a máis vista da web–, o Bar Insua da avenida de Fisterra, o cine de Arteixo e, por suposto, o Balneario, entre outros.
Afirma que, desde que naceu o blog, hai dous anos, recibe na rúa moitas felicitacións e comentarios nas redes sociais. “Á xente gústalle ler estas cousas porque non adoitan saír nos medios e non as coñecen. Moitos agradecen que alguén dedique tempo a falar cos maiores e lles achegue os seus contos nun formato máis actual e accesible”, comenta.
En Crónicas de Arteixo pode lerse, por exemplo, a historia de Otilia Josefina López, “a rubia de Vilarrodís”, futbolista que levantaba pasións coa súa melena loira; a de Máximo Mosquera “Pitos”, que foi mestre, futbolista profesional, banqueiro, alcalde e, agora, xerente do Balneario; e a das percebeiras de Rañobre, ademais doutras moitas. Todas elas, afirma o escritor, teñen algo en común: “Representan o Arteixo de toda a vida”.
Maceiras, que tamén colabora na revista de fútbol “O Dez” e publicará próximamente un libro sobre a historia do fútbol de Arteixo e A Laracha, aproveita cada momento para escribir textos e anotar posibles temas para o blog: “Ás veces escríbeme xente para que fale sobre algo ou tomando un café atopo a alguén cunha boa historia para contar. Van xurdindo pouco a pouco”, conclúe, sorrindo, mentres saúda un veciño no paseo fluvial. n