Maghúa son Rafael, Tito, Martiño e Davide. Ou o que é o mesmo, un banco de peixes azuis que adoitan a poboar as tascas na franxa atlántica costeira. En definitiva, catro homes con pandeireta en ristre dispostos a colocar a voz masculina no panorama tradicional cando as mulleres son maioría aplastante neste terreo.
Aínda que eles comezaron a facer ruído no nadal de 2006, tiveron que pasar seis anos para que hoxe teñan entre as mans un disco titulado “Corricán” (Inquedanzas Sonoras), que é froito dun traballo de investigación no que contaron cunha serie de padriños que traballaron a horas intempestivas polo proxecto.
Un deles, Xurxo Souto, aporta unha especie de manifesto. Pon as bases que outros completan cunha gaita como Agustín Sánchez, con fotografías como Juan Luis e Luisa ou con deseño como Xabier Juiz, que fai que a posta en escena de Maghúa escape do folclorismo.
O grupo escolleu o nome de “Corricán” por iso de que a técnica de pesca consiste en arrastrar cada unha das pezas polo mar igual ca eles recolleron as composicións polo interior de Galicia. Unha a unha grazas aos informantes. Persoas que teñen un patrimonio oral gravado na cabeza e que foron os que hoxe confiren a estas catro voces cantares de voda que se entoaban pola parte de León e muiñeiras que se escoitaban na zona do Deza. Para que os seguidores as escoiten en casa e en directo. Cando collen a pandeireta e comezan a disparar temas: “Nós somos xente moi bailadora”, dicía Davide.
Por iso, desfrutan cando a xente o pasa ben nos concertos. Maghúa facía onte en A Repichoca a primeira das paradas da súa xira por ser, en realidade, unha segunda casa para eles e levar dez anos apoiando a música tradicional.
Despois virá Madrid e Barcelona, Compostela e unha chea de locais nos que os catro coruñeses volverán a poñerlle bigotes e barba a un legado cantado. Que hoxe conta cun cuarteto de homes disposto a recuperalo. A golpe de gravadora. E nas casas dos que hoxe son memoria viva do país. Para compartilo con todos. Nun proxecto que se completa con obradoiros folclóricos.