O escritor Cesáreo Sánchez vestía onte á cidade de domingo a pesar de ser mércores para inaugurar unha 41 Feira do Libro, que aumenta en número de librarías, editores e escritores e segue a ser a máis importante das que se celebran no país. Serán un total de 41 casetas en torno a un froito maduro e intemporal como é o libro que acode a súa cita da man dun sector, o libreiro, que fai esforzos todos os días por abrir a verxa e intenta adecuarse ás necesidades que piden os cambios tecnolóxicos. A inauguración da actividade tivo a súa parte reivindicativa no discurso da presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, quen denunciaba a incursión dos centros educativos concertados nun mercado que non é seu e que lles acota a venda de libros de texto.
A representante falaba dunha intromisión “groseira” o feito de facerse cun negocio e limitar os recursos dos libreiros xa “que non andan sobrados”. Pola súa parte, o alcalde Carlos Negreira, destacaba a simbiose que se produce entre o libro, “un compañeiro sempre fiel”, e a cidade, poboada de persoas liberais para pedir en alto “que a palabra sexa sempre o que nos defina”.
E a palabra escrita tomou os xardíns en forma de best sellers como “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”, de Jonas Jonasson, ou “La hija del monzón”, de Shilpi Somaya, que aborda o temas das adopcións, para mesturarse coas letras galegas, que veñen da man de Couceiro, que introduce na feira a “Guía das macroalgas de Galicia” ou un compendio mitolóxico, editado por Galaxia, ordenado do “a” ao “z” pasando por toda a bibliografía de Rivas, que onte se pasaba para regalar un conto inédito.
cómics
No apartado adicado aos tebeos, Tanxencias preparábase para recibir a adolescentes en busca de manga, en concreto, de Naruto, ademais das publicacións de “Watchman” e “Juego de Tronos”, xunto a todo o rebumbio de cómics europeos e, por suposto, os Marvel. En canto as editoriais, en Ediciones del Viento o curioso poderá facerse con literatura de viaxes e levarse a casa a un Mark Twain en “Guía para Viajeros Inocentes”, que relata as súas peripecias desde Nova Iorque ao Mediterráneo, “un libro moi gamberro e iconoclasta”, segundo Eduardo Riestra, perfecto para planificar unha viaxe transoceánica.
desde literatura de viaxes a réplicas de primeiras edicións, cómics e libros para nenos, a feira ofrece un percorrido polos títulos universais e as novidades do mercado
A firma completa o seu repertorio con títulos de calidade cun Bram Stoker en “El invitado de Drácula” e o último premio Torrente Ballester, “Tratado del alma gemela”, de Esther Bendaham. Na mesma parcela, Jesús Egido, de Rey Lear, apuntaba como interesantes a primeira novela que Jardiel Poncela escribiu despois da Guerra Civil “Diez minutos antes de la medianoche”, ou “Una semana de lluvia. Una aventura de Plinio”, de García Pavón, onde o investigador Plinio faise cun caso peliagudo tras a aparición misteriosa de varias mulleres embarazadas.
Ademais, os nenos poderán adquirir un clásico como “La Raspa Mágica”, de Dickens, e os románticos terán en “Amor e gimnasia”, de Edmondo de Amicis, unha nova píldora co idilio entre unha profesora de ximnasia e un veciño moi pequeno.
A actividade deparará ata o 10 un paseo no que tamén teñen cabida as réplicas de primeiras edicións, esas que “Le Monde” deu en chamar “clons” e das que Moleiro Editor presume. Aquí está por exemplo “La Biblia de San Luis”, sobre o que o especialista di “nunca se llegó a hacer un códice tan suntuoso”. Nada que ver co Calixtino, que contén nada máis que cinco pinturas fronte as 4.700 deste tomo.
Pola contra, na libraría Xiada a historia véndese en exemplares manexables como os de Tony Judt ou vai ata a última publicación de Eduardo Galeano, “Los hijos de los días”, onde o uruguaio escribe un texto para cada día do ano. Aseguraba o de Xiada que hai datas nas que o autor está espléndido. Nun percorrido que dispón de moita literatura para cativos cunha editorial como Kalandraka, que introduce o feminismo en “Arturo e Clementina” e aborda as consecuencias da guerra en “O principio”, de Paula Carballeira, que estará hoxe ás 18.00 cun contacontos baseado neste libro.
A xornada continuará con Antonio Piñeiro, que asinará exemplares de “As fiandeiras” ás 18.00, e con Carlos Arias e Mariña Pérez, que presentarán ás 19.00 “Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación”. A ilustradora Marina Seoane collerá o bolígrafo ás 19.30 e ás 20.00, o editor Francisco Castro falará cos de Berrogüetto arredor da biografía “O pulso da terra”. Xulio Villarino estará con “Libro de los Faros” e ás 21.00 presentarase a edición bilingüe de “Illuminatios/Iluminacións”, de Rimbaud, onde participarán Rivas e François Davo. n