A Xunta apoia con 4,5 millóns a cen concellos na mellora competitiva do comercio local

A Xunta apoia con 4,5 millóns a cen concellos na mellora competitiva do comercio local
Impúlsase tamén a creación e a mellora de rúas e zonas peonís comerciais e dos espazos nos que se celebran mercados tradicionais e ambulantes

A Xunta de Galica apoia a 101 concellos galegos no impulso á mellora competitiva do comercio de proximidade con axudas por un total de 4,5 millóns de euros destinadas á adecuación e modernización das rúas e zonas comerciais, a potenciación das prazas de abastos ou a posta en marcha de actuacións de dinamización comercial.
Deste xeito, o Goberno galego, a través da Consellería de Economía e Industria, prosegue a súa colaboración cos municipios como administración máis próxima aos cidadáns, impulsando a cooperación cos mesmos no ámbito comercial dada a súa cercanía ao comerciante e polo seu coñecemento directo do comercio local.
O programa que vén de resolverse, co que se mobilizará un total de máis de seis millóns de euros, enmárcase na estratexia da Xunta de impulso ao comercio de proximidade como elemento vertebrador das vilas e cidades da comunidade galega e sector de relevancia para a súa reactivación económica. Neste contexto, un dos eixos desta estratexia pasa pola potenciación das prazas de abastos como motores do comercio de proximidade, motivo polo que a maior porcentaxe de axudas, máis dun 41 por cento do total, se destina aos mercados municipais.
Isto permitirá avanzar na posta en marcha dunha Rede Galega de Mercados de Abastos Excelentes e na súa consolidación como líderes na venda de produto fresco e de calidade, con novos e mellorados servizos para os consumidores.
Así, entre as actuacións que desenvolverán os concellos nunha trintena de prazas de abastos inclúense a remodelación e modernización dos mercados, a supresión de barreiras arquitectónicas, a mellora da imaxe comercial ou a redución do consumo de recursos enerxéticos e dos residuos nos mesmos, así como iniciativas para a atracción de novos consumidores e promoción das vendas.

Municipios
Os municipios tamén reciben apoios para actuacións de creación ou mellora de rúas e zonas peonís comerciais, un apartado ao que se destina o 40 por cento das axudas; para o amoblamento urbano e sinalización comercial nos principais eixos comerciais; a mellora dos espazos nos que se celebran mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica ou a posta en marcha de iniciativas de dinamización comercial.
Por provincias, Pontevedra recibirá un 32,5 por cento, correspondendo aos seus municipios máis de 1.455.000 euros. A Coruña percibirá preto dun 32 por cento do total dos apoios, 1,4 millóns; Lugo preto do 19 por cento, con axudas por preto de 850.000 euros; e Ourense o 17 por cento, con máis de 760.000 euros. Á hora de valorar as solicitudes primáronse aqueles proxectos que benefician un maior número de establecementos; os que contan con cofinanciamento por parte doutras administracións ou organismos e que sexan asumidos polas asociacións de comerciantes implicadas.
Así mesmo, tamén tiveron unha valoración maior as iniciativas que supoñen a eliminación de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e de comunicación ou a incorporación de enerxías alternativas, ademais das actuacións en mercados municipais e as solicitudes conxuntas de dous ou máis concellos.

A Xunta apoia con 4,5 millóns a cen concellos na mellora competitiva do comercio local

Te puede interesar