A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística– pon en marcha hoxe “Cantámosche os Reis”, a segunda das iniciativas de “Nadal en Rede”, o programa que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta aprobou, no marco da programación de actividades de difusión do galego para o ano 2012.
Os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk, especialistas en tradición oral galega –levan máis de 20 anos recompilando coplas, cantos e regueifas–, inician hoxe os obradoiros de cantos de Nadal “Cantámosche os Reis” nos concellos de Mesía (na Casa da Cultura, ás 12.00 horas) e Ribadavia (na Casa da Cultura, ás 17.00 horas). Nestes obradoiros, dirixidos a asociacións culturais e veciñais e mais a público en xeral, interpretaranse cancións en galego propias destas festas para que as celebremos na nosa lingua e mais tratarase de recuperar a tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada aldea e vila do país.
Cantámosche os Reis” chegarán o ventres ás localidades do Pereiro de Aguiar e de Cerdedo; o 29 pasarán por Cerceda; o día 2 de xaneiro estarán en Moaña; o 3 en Palas de Reis e, por último, o día 4 farán dobre sesión en Campo Lameiro e en Ames.
A primeira iniciativa posta en marcha dentro do programa foi “Lingua de Reis”, unha iniciativa que levou de visita os Reis Magos de Oriente polos colexios de nove concellos.