Neura é unha comedia que aborda o tema da saúde mental, iso si, con minúsculas.
Os protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos; en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos “ex”. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos coma perfectos descoñecidos.
Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias. Situacións novas e sorprendentes que nos farán viaxar dun xeito hilarante a través do mundo dos trastornos e a saúde mental. Neura é unha comedia neurótico-festiva na que todos e todas nos veremos reflectidos e reflectidas.
Dirección: Manuel Pombal Pérez.
Intérpretes: Stephy Llaryora e Sergío Macías.
Autoría: Manuel Pombal Pérez.
Compañia: Stephanie Maybelle Llaryora.
Teatro I 75 minutos I Idioma: galego.