O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) acollerá o vindeiro mércores, día 13 de novembro, ás 17.30 horas, unha nova sesión do Ciclo HumanIA: o Desafío para as Humanidades en Tempos da Intelixencia Artificial, un espazo de aprendizaxe no que a comunidade universitaria e os profesionais de diversas disciplinas poden descubrir como a IA está transformando a sociedade e os postos de traballos relacionados coas humanidades.
Nesta nova sesión de novembro será Marta Suárez, avogada, investigadora e xestora cultural, a encargada de falar sobre “Arte e creatividade na era da IA”. Como directora de Artworld Law, unha asesoría especializada, ofrece servizos centrados no mercado da arte e a protección do patrimonio, cun enfoque nos desafíos dixitais contemporáneos, como o blockchain, o metaverso, os NFTs e a intelixencia artificial.
Marta Suárez Mansilla ten unha sólida traxectoria na consultaría xurídica e a xestión cultural, especialmente no ámbito da arte contemporánea, onde ten traballado tanto con creadores como con profesionais do sector. Liderou proxectos culturais nos sectores público e privado e segue vencellada a diversas asociacións culturais que dirixiu.
A experta combina, ademais, o seu traballo profesional coa investigación académica, tendo realizado unha estancia profesional na ONU e participado como docente en múltiples universidades. O seu traballo e publicacións sobre arte, dereito e novas tecnoloxías son amplamente recoñecidas.mo a arte, a cultura e a linguaxe