O vindeiro xoves 21 de novembro, o CITIC da Universidade da Coruña acollerá a conferencia titulada "Cara a unha Intelixencia Artificial Medioambientalmente Sostible", un relatorio organizado no marco da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes, dentro do ciclo de charlas "Converxencia verde para un futuro sostible". A charla celebrarase ás 15:30 horas na Sala Cloud do CITIC.
A conferencia abordará o impacto ambiental das técnicas de intelixencia artificial, cun enfoque nos elevados consumos enerxéticos que estas tecnoloxías implican actualmente. José Duato, CTO da empresa Qsimov Quantum Computing e prestixioso académico, compartirá a súa análise do impacto enerxético actual dos sistemas de IA e presentará os enfoques e tecnoloxías que xa se implementaron para optimizar o aforro enerxético. Ademais, exploraranse os futuros desenvolvementos disruptivos que permitirán unha IA máis eficiente e menos impactante a nivel ambiental.
Cunha destacada traxectoria de máis de 30 anos como catedrático na Universidade Politécnica de Valencia, José Duato é autor de máis de 500 publicacións científicas e foi recoñecido con galardóns como o Premio Rey Jaime I de Novas Tecnoloxías e o Premio Nacional de Investigación Julio Rey Pastor. A súa experiencia e a súa innovación no ámbito da computación e as comunicacións sitúano como unha voz relevante na conversa sobre sustentabilidade en intelixencia artificial.
A actividade é aberta ao público, e forma parte dos esforzos da UDC e a Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes de promover unha tecnoloxía máis consciente e responsable coa contorna.
Para asistir é necesario rexistrarse a través desta ligazón