O Teatro Colón acolle este domingo 1 de decembro un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que dará continuidade á súa programación do ciclo de outono cunha actuación na que a protagonista será a directora Beatriz Fernández Aucejo, oriúnda de Paiporta (Valencia).
Fernández, que forma parte activa da Academia ‘La Maestra’ da Philharmonie de París, estivo á fronte da Orquesta de Valencia e a Orquesta Sinfónica de Barcelona, entre outras. Ademais, tamén debutou coa Orquesta Nacional de España. O seu percorrido profesional recente tamén a levou, por exemplo, a cidades como San Diego (Estados Unidos).