O Concello, en colaboración coa Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), organiza este sábado 30 unha xornada gastronómica e divulgativa que terá lugar no primeiro andar do mercado municipal de San Agustín entre as 12.00 e as 14.00 horas.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou a cidadanía a asistir ao evento, que será aberto ao público ata se completar a capacidade prevista. Cabanas subliñou a importancia de actos deste tipo, “que axudan a visibilizar e poñer en valor o noso produto, que é fresco e de calidade”.
Neste sentido, a programación prevista este sábado en San Agustín arrincará coa presentación do selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’, unha iniciativa da FREMSS na que colabora o Concello co obxectivo de distinguir os peixes e mariscos que chegan ao porto da cidade.