O Concello de Arteixo, Abanca e Afundación mostran no Centro Cívico Cultural do concello a exposición fotográfica "Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX".
A exposición recolle unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. Poderase visitar ata o 16 de febreiro, de luns a venres en horario de 09.30 a 13.30 h e de 17.00 a 20.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto "Corrente cultural", que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.