A Fundación Luis Seoane acollerá este venres a inauguración da exposición Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica, un percorrido pola traxectoria do arquitecto galego
A través dunha selección de máis de medio centenar de obras, a exposición Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica fai un percorrido ao longo de 50 anos de traxectoria profesional de Fernando Blanco (O Carballiño, 1947) afondando nos estreitos lazos entre o seu labor como arquitecto e a súa práctica artística. Dous aspectos que, lonxe de existir en paralelo, nacen e se desenvolven a partir dunha formulación teórica e dun pulo creativo baseados na integración das artes, un concepto presente tamén no desenvolvemento artístico de Luis Seoane, que elimina barreiras entre artes plásticas e arquitectura.
A mostra reúne maquetas, esculturas, pinturas e proxectos arquitectónicos, estes últimos agrupados nas tres seccións ás que fai referencia o título. Deste xeito, Paisaxe agrupa obras nacidas da natureza; Conciencia obras creadas a partir de vectores conceptuais e, por último, Fábrica, que recolle obras realizadas a partir de métodos constructivos.
Proxectos como a vivenda unifamiliar do Grove ou a casa Aristides, obras públicas como o Centro de Saúde de Castro Ribeiras de Lea, as súas intervencións no espazo urbano xunto cunha mostra da súa produción artística contextualizan un universo creativo nunha exposición que reivindica a figura dun autor singular cuxo traballo arquitectónico pódese ler a través dos códigos das artes plásticas, incorporándose deste xeito a unha liña expositiva que forma parte da programación da Fundación Luis Seoane desde os seus comezos.
Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica estará aberta ao público ata o 13 de abril de 2025.