Dende o ano 2000 celébrase en España o 12 de maio como Día Escolar das Matemáticas e en Agapema, na Zona de A Coruña, celebrámolo dun xeito especial, cunha FEIRA MATEMÁTICA.
A Feira Matemática é unha xornada pensada para a divulgación das Matemáticas e dirixida aos alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, ESO, BAC e Formación Profesional así como ó profesorado de Matemáticas e a todo o público en xeral.
O propósito co que se idea este evento é o de crear un espazo educativo no ámbito matemático, coa vontade de:
Intercambiar coñecementos, experiencias e procedementos. Mostrar aspectos do proceso de aprender e ensinar matemáticas nun ámbito non formal, libre e espontáneo, no que participan nenos, pais, profesores e público en xeral. Concienciar á sociedade da necesidade de posuír a suficiente educación matemática que nos permita interpretar feitos elementais do acontecer cotiá. Disfrutar das matemáticas e reivindicalas no seu aspecto práctico, lúdico e educativo.Para iso formulamos os seguintes obxectivos:
Afondar no ensino – aprendizaxe das Matemáticas nas etapas de Infantil, Primaria e Secundaria. Utilizar os distintos postos da FEIRA para acadar unha intercomunicación social matemática, lúdica, práctica e agradable. Mostrar á sociedade aspectos relacionados coas matemáticas e recoller dela todo o seu saber popular dentro desta materia. Vincular o que se fai nas aulas coa realidade e viceversa. Animar a nenos e maiores a resolver problemas diversos.