Arantza Portabales | “A novela negra é un xogo no que ti coma escritor queres enganar e o lector quere ser enganado”

A escritora de novela negra presentou na librería Berbiriana a súa última incursión no thriller, ‘Asasinato na casa rosa’
Arantza Portabales | “A novela negra é un xogo no que ti coma escritor queres enganar e o lector quere ser enganado”
Portabales, hoxe en Berbiriana coa súa novela | Javier Alborés

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) colleulle o punto a isto do thriller. Logo de triunfar nas librarías de toda Galicia e España coa súa triloxía dos detectives Abad e Barroso, volve á carga con ‘Asasinato na casa rosa (Os crímenes de Loeiro Parte 1)’, novela negra que estreou esta semana e que presentou hoxe na librería Berbiriana. Ambientada nunha vila das Rías Baixas, o libro narra as pesquisas dunha investigadora, Iria Santaclara, a quen lle encargan encontrar ao culpable do asasinato da muller dun misterioso millonario. Unha novela coa que pretende volver a encher as estanterías dos posibles lectores con sangue e misterios.

 

É a primeira vez que escribe pensando na creación dunha saga?
Eu non tiña claro nada, pero os meus editores si, vírono clarísimo. Dixéronme: ‘Isto é unha saga, non?’. E eu contenta porque a verdade é que na cabeza sempre estou matando xente (ri). Nunca fago as cousas maquinándoas moito, van xurdindo. E de momento xurdindo ben.

 

A que se debeu o cambio de rexistro nas súas historias?
Eu son unha apaixonada da novela negra. É verdade que ‘Deixe a súa mensaxe despois da sinal’ (2017) é moi intimista e que tampouco abandonei nunca o relato curto, e ademais neste intre estou pensando en facer algo xuvenil, pero coa novela negra pásoo realmente ben. Son unha grande siareira do xénero: creo que non podes estar escribindo sobre algo que non che gusta. E iso que non leo moita novela negra, últimamente cando estou escribindo tírome máis á narrativa contemporánea.

 

Hai unha gran tradición de escritores dese xénero en Galicia
Si. E tanto en castelán (que temos a Manel Loureiro ou María Oruña) como en galego, con xente como Diego Ameixeiras ou Domingo Villar, o indiscutible rei da nosa literatura negra. Penso que hai un boom aí de xente que atopou un espazo común, pero cada un ten co seu estilo e identidade.

 

Por que cambiar de ambientación, de Santiago cara as Rías Baixas?
A novela está ambientada nunha vila moi pequena, unha poboación que se chama Loira, ainda que eu a rebautizo como Loeiro. É unha vila á que eu ía moito de pequena coa miña nai. Tiña moitas ganas de ambientala aí para facer unha homenaxe ao lugar ao que, cando vivía no País Vasco, ía de vacacións, e que polo tanto asocio ás vivencias e á nostalxia da infancia e da xuventude. E ademais tiña moitas ganas de ir cara ao sur, porque xa levaba tres obras ambientadas en Compostela, e poder abandonar así un pouco o universo de Abad e Barroso.

 

É máis difícil escribir thrillers?
Síntome cómoda na novela. Eu, que comencei facendo microrelatos, diría que canto máis curto sexa o que teñas que contar, canto menos espacio e tempo empregues, é máis difícil. Facer un microrelato de 16 liñas paréceme máis complexo que facer unha novela de 100.000 palabras. Pasa o mesmo cos contos, que son moi complicados de escribir. Así que realmente onde máis cómoda estou é na novela, aínda que ao principio nin mo prantexaba porque me parecía imposible.

 

O éxito do thriller provén da facilidade que ten para falar de temas políticos e persoais?
Os que facemos novela negra estamos sempre tratando de xustificar ou explicar por que ten tanto éxito. Eu coido que o xénero negro non debuxa a realidade mellor que outros: debuxa outra realidade. A literatura fai iso, contar o que pasa ao noso arredor. O que pasa é que o xénero negro fala dunha parte moito máis oscura da nosa sociedade, pero nada máis.

 

Que outra cousa podería explicar a fama do xénero?
Sobre todo, que é entretidísimo. Para escribilo pero evidentemente para lelo tamén. Como escritor tes que ter un gran manexo da atención e do tempo, e os lectores realizan un esforzo extra porque queren verse envoltos nese misterio, queren deixarse enganar e compartir ese espazo co escritor. É un xogo conxunto no que ti queres enganar é eles queren que os enganen: unha colaboración que, por enriba de todo, é moi divertida. 

Arantza Portabales | “A novela negra é un xogo no que ti coma escritor queres enganar e o lector quere ser enganado”

Te puede interesar