Xustamente dous anos despois de ter sido declarada como BIC, a Casa Cornide continúa sen poder ser visitada polo público a pesar de estar protexida pola Lei de Patrimonio Cultural, segundo sinala o BNG nun comunicado de prensa.
A "responsábel última desta vulneración da lei é a Xunta dirixida polo PP", denuncia a deputada do BNG Mercedes Queixas, quen, por medio dun feixe de preguntas escritas, volveu levar asunto ao Parlamento galego.
“Por que o PP leva dous anos permitindo que se incumpra a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza? Por que o PP tolera ese incumprimento á familia Franco? Estas son dúas preguntas que nos van ter que responder no Parlamento galego”, avanza Queixas.
"Declarada BIC en abril de 2023, entre outras obrigas, a familia Franco -quen se fixo co inmoble de forma fraudulenta durante a ditadura- ten que permitir o acceso do público ao interior do palacete un mínimo de 4 días ao mes -cando menos 4 horas cada día- e de forma gratuíta", indica o BNG no referido comunicado.
O BNG salienta que esta previsión legal "non se ten cumprido polo de agora", perante “a complicidade e a pasividade da Xunta”. “Está claro que o PP ponse do lado da familia Franco en vez de defender o dereito cidadán a gozar do patrimonio galego”, denuncia Queixas.
A formación nacionlista lamenta a "pasividade e complicidade do PP", que son "especialmente patentes" se temos en conta, enfatiza a deputada nacionalista, que o "Goberno galego mesmo ten ignorado as peticións cursadas pola Valedora do Pobo", institución que se interesou pola hipotética existencia de informes que xustificasen “esta ilegalidade consentida”.
Entre as distintas cuestións que ten que responder a Xunta está a de se pensa sancionar a familia Franco polo "flagrante incumprimento da lei", remata o comunicado de BNG.