O BNG insta a Inés Rey a que "pete na porta da Xunta" para que A Coruña sexa declarada zona residencial tensionada

O BNG insta a Inés Rey a que "pete na porta da Xunta" para que A Coruña sexa declarada zona residencial tensionada
Avia Veira, concelleira do BNG / AEC

A concelleira do BNG Avia Veira insta a alcaldesa a que “pete na porta da Xunta cantas veces faga falta” para lograr que A Coruña sexa declarada zona de mercado residencial tensionado, figura que aparece na Lei estatal de vivenda.

 

“Non vemos que Inés Rey estea a facer todo o posíbel para a Xunta declarar A Coruña zona residencial tensionada. A alcaldesa parece non asumir que o da vivenda é un problema social de primeira orde e non o acaba de colocar como prioridade na súa axenda”, afirma Veira, quen levará o asunto ao Pleno do vindeiro mércores 11 de decembro en forma de pregunta oral.

 

O texto literal da iniciativa é o seguinte: “Considera o Goberno de Inés Rey que está a facer todo o posíbel para que o Goberno Galego declare o mercado da Coruña como tensionado?”.

 

Para o BNG, a forma en que se constituíu, o pasado venres, a Mesa Sectorial da Vivenda é moi “reveladora” sobre a sensibilidade do Goberno Local sobre este asunto. “Non estaban representados os principais colectivos con dificultades á hora de acceder a unha vivenda digna na nosa cidade a prezos razoábeis e si, en troca, as promotoras e axentes que non son precisamente favorábeis á declaración da Coruña como zona tensionada”, denuncia Veira. A concelleira botou en falta nesa xuntanza a presenza de asociacións veciñais e de entidades sociais que traballan con persoas que se achan en situación de exclusión social ou teñen serio risco de se veren nela.

 

“Non basta con cubrir o expediente de enviar unha carta á conselleira. Hai que facer moito máis do que iso”, conclúe Veira.

O BNG insta a Inés Rey a que "pete na porta da Xunta" para que A Coruña sexa declarada zona residencial tensionada

Te puede interesar