O coro de Cántigas da Terra cumplirá o vindeiro mes de decembro 107 anos e hai algo máis de 106 que deron a súa primeira actuación no teatro Rosalía de Castro. Nos anos 20, foron dos primeiros coros en incluir voces de mulleres nas súas actuacións. Agora, Cántigas da Terra estrea etapa cunha nova directiva que, por primeira vez en máis dun século, liderará unha muller.
Laura Veleiro é, desde hai dúas semanas, a primeira muller en presidir Cántigas da Terra. Acompáñana na nova xunta directiva Pilar Pérez, Rebeca Lesta, Pablo Seixo, Miguel García, Pablo Rodríguez, Lois Catoira, Rafa Seixo, Luis Fontán, María Prieto, Antonio Sande e Nieves Mata.
A pesar do fito histórico, Veleiro asegura que “ser a primeira muller presidenta é unha cuestión de normalidade absoluta para min”. Por outra banda, agradece o apoio mostrado para dirixir a nova xunta: “sinto alegría e ilusión pola confianza amosada polos socios nas votacións á miña candidatura, mais tamén sinto o peso da responsabilidade de continuar o camiño dos meus predecesores”.
Veleiro leva preto de 30 anos en Cántigas da Terra, “como contralto, pero participando tamén en distintas directivas, especialmente no posto de vicearquiveira”, asegura. Nese posto destaca que non só traballou, senon que tamén aprendeu “xunto ao que fora arquiveiro, Moncho do Orzán”.
Destaca Veleiro que a nova directiva buscará “seguir avanzando neste mundo globalizado, poñendo en valor o noso”. Por este motivo manterán “os principios fundacionais do coro”, como a difusión da riqueza do patrimonio cultural galego, nos eidos da música, o baile e o teatro, “dentro e fóra das nosas fronteiras”. Pero tamén destaca a presidenta que o que buscará a nova directiva é “conectar coa mocidade e os rapaces para que aprendan a amar a nosa cultura”, motivo polo que asegura que se esforzarán “en facer crecer as nosas aulas ‘Escolas da Terra’ e non dubidamos colaborar con iniciativas que sigan estas liñas”.
Veleiro subliña que o que caracteriza a Cántigas da Terra é a “perservación e a difusión da cultura galega”. Un coro “do século XXI” no que “todo o mundo é benvido”.
De cara ao futuro máis próximo, os meses de verán, explica Veleiro que “actuaremos en moitas rúas e prazas da Coruña”, mais tamén do resto da Galicia. Para saber onde estará o coro, asegura que o público pode consultalo nas súas redes sociais, onde irán actualizando os seus percorridos. Ademáis, “xa estamos preparando a XVIII edición do ciclo de ‘Coros históricos e novos’, que realizamos todos os anos” no teatro Rosalía de Castro. Pero, ademáis de todo isto, non descartan algunha que outra sorpresa, como “algunha colaboración con outras entidades da cidade”.