O Concello da Coruña levará a cabo este mércores día 1 de novembro a tradicional ofrenda floral de Todos os Santos, no cemiterio municipal de Santo Amaro. Este ano, a homenaxeada será a poeta coruñesa Luísa Villalta, figura escollida pola Real Academia Galega para a conmemoración das Letras Galegas 2024, cando se conmemora o 20 aniversario do seu falecemento.
“Luísa Villalta representa toda a liberdadade e inconformismo que nos identifica aos coruñeses e coruñesas, así como o profundo liderado cultural que ten a nosa cidade e que queremos reivindicar e lembrar coa homenaxe á súa figura” explicou a alcaldesa, Inés Rey.
Neste ano 2023 recórdase o 50 aniversario do voo 118 de Aviaco, a maior traxedia aérea de Galicia, con 85 persoas falecidas, 79 pasaxeiros e seis tripulantes, a totalidade de persoas a bordo do avión. “Moitas familias coruñesas perderon os seus achegados hai medio século e neste día de lembranza queriamos renderlles unha especial homenaxe de cidade para que saiban que A Coruña non os esqueceu”, sinalou Rey.
A alcaldesa presidirá a cerimonia solemne que comezará, como cada ano, na Cruz dos Esquecidos coa actuación da Coral Polifónica Follas Novas. O percorrido rematará coa tradicional ofrenda no monumento aos Mártires pola Liberdade, en recordo a todas as vítimas do franquismo na Coruña.