Fátima Pego | “Encantaríame cantar nas festas da Coruña”

Unha das voces da Orquesta Panorama, reporteira e creadora de contido, pon en valor o concerto na cidade polo acendido das luces do Nadal, o venres no centro comercial Marineda City
Fátima Pego | “Encantaríame cantar nas festas da Coruña”
Fátima Pego, cantante galega da Orquesta Panorama | Cedida

Apenas un mes transcorrido dende o peche da xira (IA Tour) da Orquesta Panorama, os integrantes Lito Garrido, Fátima Pego, Diego Moreira e Mario Álvarez, regresarán á Coruña o venres a partir das 20.00 horas, para deleitar ao público do Marineda City cun concerto íntimo con motivo do acendido das luces do Nadal. A cantante de Bastavales, Fátima Pego, conta o momento que está a vivir a orquestra fóra de Galicia e a ilusión por voltar máis a miúdo á cidade herculina.

 

Veñen de rematar a xira (IA Tour). Como foi a acollida da xente?
Pois moi boa. Rematamos o 31  de outubro en Ourense e a verdade é que foi unha xira con moito movemento. Cada vez imos explorando novos territorios, non soamente de Galicia, senón que tamén se está a descubrir o fenómeno da verbena fóra da comunidade. Estamos exportando a verbena a moitos recunchos de España e é unha experiencia moi chula. Aquí xa o tes asumido, fóra non agardas esa acollida, é un pouco surrealista.

E o venres, no Marineda City. Que concerto agardan?
É unha experiencia nova. Estreamos un novo concepto de Panorama, unha idea máis íntima e especial, ademais nun espazo tan mítico como é o Marineda City.

 

Por que cre que no caso da Coruña custa máis a contratación das orquestras con respecto a outras cidades de Galicia? Quizá nas vindeiras Festas de María Pita?
Encantaríame cantar nas festas da Coruña. Eu creo que o concepto orquestra estaba hai uns anos máis vencellado a medianos e pequenos núcleos e dirixido a xente máis madura. Pola alta demanda cada vez máis a xuventude está nas festas e iso o ven nas grandes cidades. Xa hai uns anos que estamos a asistir ás festas importantes das cidades como Santiago, Ourense ou Vigo, fáltanos A Coruña. Ao final é unha infraestrucutura moi complexa e metela nunha gran cidade supón complicar un pouco a asistencia. Agardamos que se animen e que nos leven pola Coruña máis a miúdo.

 

Como é cantar para tanta xente?

É espectacular. No momento non somos conscientes pero é moi emocionante poder congregar a tanta xente.

 

Como comezou a súa paixón pola música? E pola comunicación?
A miña paixón pola música ven dende o berce. Os meus pais son melómanos os dous, a miña avoa é pandereteira e trouxo aos días de hoxe toda a cultura popular. Eu vivo dese legado. A miña avoa foi con Manu Chao de xira. Comecei a presentarme a coros e aí comezou a miña andadura. Dende hai unha década vou compaxinando a miña faceta como cantante e como reporteira fago os meus piniños.

 

Tamén coa creación de contido. Como é o día a día?
A miña axenda diaria é caótica. Quero facelo todo e ás veces non teño tempo e é complexo. A miña creación de contido é bastante orgánica e me é máis sinxelo.

 

E volvendo ás orquestras, que é o peor da profesión?
O lonxe que estás da casa. A xente pensa que a actuación son as tres horas que estás no escenario pero hai que sumar as horas dos bus, do ensaio… Ao final nós adoitamos traballar cando os demais están de festa. Pérdeste moitas celebracións.

 

Primeiro na París de Noia e agora na Panorama. De xigante en xigante.
Comecei na Orquesta Paladium, despois estiven seis anos na París e o broche de ouro foi formar parte da Panorama. Foi a coroación perfecta.

Fátima Pego | “Encantaríame cantar nas festas da Coruña”

Te puede interesar