Fillas de Cassandra: “É unha pasada axudar a que a xente vaia de novo ás foliadas”

Fillas de Cassandra: “É unha pasada axudar a que a xente vaia de novo ás foliadas”
Sara Faro e María SOA forman Fillas de Cassandra | CEDIDA

O festival de artes inclusivas Festigual vive esta semana o seu colofón con varios eventos, un deles o concerto de Fillas de Cassandra e Chungo Pastel este mércores (20.00 horas) no Ágora. A sesión pretende normalizar a accesibilidade cultural enriba e debaixo do escenario e María SOA (Vigo, 1996), integrante de Fillas xunto a Sara Faro, gaba o labor do Festigual para visibilizar ás personas con discapacidade.

 

Primeira vez no Festigual?
Si, e estamos súper contentas porque imos tocar con Chungo Pastel e son sumamente importantes este tipo de eventos para que se vexa que a música é para todas as persoas, do xeito que sexa. Haberá mochilas vibratorias, lingua de signos, cousas que se poden aplicar a todos os festivais e todos os concertos durante todo o ano. O Festigual é súper necesario.

No 2025 o Día das Letras Galegas será para as cantareiras e as pandereteiras. Algo está mudando sobre o respecto á nosa cultura?
Estanse dando pasos moi importantes de recoñecemento e de asimilación. Esta última é unha palabra fundamental porque aínda que se fagan agora estas cousas, o importante é que permanezan. Que se manteña no tempo, que se siga apoiando e que se recuperen todas as cousas do noso pasado para que se teña en conta sempre. Falta moito traballo pero é incrible que se lograran estas cousas.

 

Grazas a Fillas ou Tanxugueiras a xente nova está enganchándose ao galego e á pandeireta. 
É unha pasada formar parte deste momento e que se dea esta situación. Axudar a que a xente vaia de novo ás foliadas, Sara xa estaba máis acostumada pero eu aínda estou aí aprendendo. Esa búsqueda da identidade era necesaria e é o que vai facer que haxa de novo comunidade.


Que plans teñen a curto prazo? 
O último concerto do ano será na Foliada da Fonsagrada, que nos apetece un montón, e o ano que vén a intención é facer uns pouquiños concertos de despedida e descansar. Máis que descansar, ter tempo para consumir cultura e facer outras cousas.

 

Haberá novo disco pronto? 
Pronto haberá cousas novas pero todas un pouco dirixidas a que imos parar. En Galicia hai un montón de grupos e escea e ás veces nos apremia como ter que estar presentes, pero para nós está ben o que fixemos e a pausa é necesaria para continuar. Queremos viaxar, dar algún concerto por fóra...

 

Seguirán nesa liña de achegar os mitos e a cultura clásica á cidadanía? 
É complicado. Creo que dun xeito tan explícito non estarán os mitos, pero si a concepción do tempo e do que supón o tempo nas nosas vidas. Esa é a liña principal do que presentaremos porque é moi importante ser conscientes do tempo que pasa e de que xeito pasa. Respecto ao feminismo, iso non vai cambiar, temos esa óptica e sempre falaremos desde ese lugar, pero quizais si que nos afastaremos un pouco das historias doutras mulleres para empezar a contar as nosas.

Fillas de Cassandra: “É unha pasada axudar a que a xente vaia de novo ás foliadas”

Te puede interesar