Dicía Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920-A Coruña, 2012) nunha entrevista en El Ideal Gallego que non agardaba que a historia o lembrase dun xeito concreto. “Que cada un me recorde e me chame como queira”, afirmaba quen trece anos despois do seu pasamento protagoniza o Día das Artes Galegas.
O seu legado quedou espallado, de maneira física e intanxible, na memoria de Galicia. Aínda que ao falar de Díaz Pardo a nosa cabeza viaxe directamente ao Castro, en Sada, a súa pegada pódese seguir en moitos lugares, e A Coruña é un gran exemplo. Na cidade habitan esculturas, pinturas, deseños e lembranzas dun dos bos e xenerosos, que marchou sen facer ruído. Fagamos un recorrido polo seu legado.
Foron moitas as obras que plasmou Díaz Pardo, ben pinturas, ben esculturas, ben ideas. Foron tantas que el mesmo chegou a burlarse coa perda de memoria sobre o que el mesmo creou.
“Esto pinteino no ano 46, xa non me lembro”, aseguraba o creador no ano 2005, cando case 60 anos despois plasmaba a súa sinatura nun enorme mural. Era unha obra que lucía no antigo cine Goya e que foi rescatada en 1997, antes do derrubamento do edificio. Oito anos máis tarde, Isaac Díaz Pardo reencontrábase con esta peza, que agora está na sede da Fundación Rodríguez Iglesias, no mesmo lugar que acollía ao Goya.
No ano 1208, o rei Alfonso IX outorgáballe a Carta de Población ao que hoxe é A Coruña, o que se traducía en foros e privilexios reais.
799 anos máis tarde, a cidade buscaba celebrar o seu 800 aniversario dun xeito que quedara marcado na memoria. O daquela alcalde da cidade, Javier Losada, encargáballe a Díaz Pardo o deseño dun monumento adicado ao rei Alfonso IX.
Á vista da Torre de Hércules creouse esta homenaxe, cunha forma que semella as ás dunha gaivota e que o entón príncipe de Asturias gababa como unha “ferida” no parque de Carlos Casares que mostraba o encontro “del pueblo y la monarquía”.
Non moi lonxe existe outro deseño de Díaz Pardo. Trátase do monumento aos fusilados, no Campo da Rata, inaugurado hai 22 anos, facendo coincidir o acto coa celebración do 14 de abril.
“Inmolados nestes campos fronte ao mar tenebroso por amar causas xustas”, pódese ler nunha das inscripcións do monumento, creado no lugar onde foron represaliadas numerosas persoas ao longo do pasado século XX.
Habería que camiñar un bo treito para ir ao seguinte destino. Desta volta non creado por, senón para Isaac Díaz Pardo. No barrio de Elviña, xunto á avenida Pablo Picasso, está situada a praza que honra a figura do creador galego e que el mesmo puido ver en vida.
Ao carón do parque infantil erixiuse un monólito que loce unha placa co seu nome. Foi un luns de mediados de maio de 2006 cando o propio Díaz Pardo acudiu ao acto no que se desvelaba a homenaxe. Aínda que non se pode dicir que fose unha festa, xa que un enfrontamento entre funcionarios e o Goberno municipal desluciu o bonito momento que se prevía.
Neste percorrido pola pegada de Díaz Pardo, existen puntos que non se poden ver todos os días. É o caso da súa figuriña no belén municipal.
“Me han vestido de fraile”, comentaba cun punto de retranca en decembro de 2008, cando a súa se convertía na figura número 200 desta especial instalación que decora a casa do Concello durante o tempo de Nadal.
Hai unha parte deste percorrido que é intanxible, xa que non se pode visitar, aínda que ben seguro que algún coruñés aínda garda algunha das creacións que se fixeron con esta idea.
No ano 2008 recibiu a encomenda de deseñar a nova identificación gráfica da Torre de Hércules, camiño da súa catalogación como Patrimonio de la Humanidad. Aquel deseño non terminou por ser o definitivo, pero si que se empregou en merchandising usado por centenares de coruñeses nos actos celebrados durante o ano 2009.
Tampouco está sempre á vista a súa obra pictórica, mais na Coruña permanece boa parte de seu legado pintado ata que deixara a práctica en 1948.
É o caso do Concello, que ten inventariado na súa colección dúas versións, unha de maior tamaño, do cuadro no que Díaz representou a María Pita, de costas, coa Torre ao fondo.
A Deputación tamén alberga no pazo provincial dúas das súas creacións (‘Bodegón’ e ‘Escena mitológica’), aínda que ten máis pezas súas espalladas pola provincia, como o ‘Marinero’ do Concello de Ordes ou ‘Las parcas’ no pazo de Mariñán.
O Museo de Belas Artes tamén conta na súa colección, non sempre expostas, tres obras de Díaz Pardo. No catálogo do espazo de Zalaeta figuran o ‘Desnudo’, ‘Xente que mira’ (doazón de Maruxa Seoane nos anos 90) e ‘O discurso’ (doado no 2017).
O fondo máis amplo é o que garda Abanca na súa colección de arte. ‘La barca de Caronte’, ‘As tres gracias’, ‘El juicio de Salomón’, ‘Retrato del pintor Miramontes’, ‘Retrato de una joven (María Antonia Dans)’, ‘Retrato de un joven aristócrata’, ‘Os afogados’, ‘Moiras’, ‘Maternidade’, ‘Bautizo’ e máis dunha vintena de creacións sen titular completan esta selección que comparten espazo na colección con obras de Sorolla, Tàpies ou Picasso, entre moitos outros artistas.
Cómpre lembrar que Isaac Díaz Pardo deixou a pintura antes do ecuador do século. Concretamente en 1948. Preguntado pola razón nunha entrevista no xornal, respondía entre risos: “A forma máis rápida de contestar sería dicir porque me deu a gana”, aínda que era a ética de vivir pintando a personalidades ás que non quería retratar durante o franquismo a que o levou a deixala a un lado.
Mural Cine Goya
Fundación Rodríguez Iglesias
Cando o mural volveu lucir no mesmo sitio no que se levantaba o cine Goya, Díaz Pardo bromeaba e dicía que non lembraba a súa creación. Facendo memoria, datouno en 1946 e plasmou a súa sinatura case 60 anos despois. Esta obra pictórica salvouse a finais de século, pois podería ter vivido o mesmo final que o Goya, que acabou derruido antes da súa nova vida. Anos despois, a Fundación chegou a facer proxeccións no seu emplazamento, o que fixo que moitos viaxaran no tempo e viviran durante un par de horas as lembranzas do antigo cine, algo que tamén viviu o mural, que presidiu esas proxeccións como si o tempo nunca tivera pasado.
Monumento aos fusilados
Campo da Rata
Un 14 de abril de 2003, data escollida non sen certa razón, inaugurouse o monumento aos fusilados, unha obra deseñada por Díaz Pardo e que se sitúa no Campo da Rata, no mesmo espazo que, como lembra a escultura nunha das súas inscripcións, foron represaliados moitos coruñeses e galegos. Daquel acto non só formou parte o propio artista, tamén participaran del persoeiros como a neta de Santiago Casares Quiroga.
Monumento a Alfonso IX
Paseo Marítimo
No ano 2008 conmemorábanse os 800 anos do momento no que se lle otorgou á Coruña a “Carta de Población”. Un ano antes, encargábanlle a Díaz Pardo o deseño dun monumento para deixar gravada esta celebración. A execución correu a cargo dos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, que executaron o que o daquela príncipe de Asturias catalogou como unha “herida” no noiro do parque Carlos Casares.
Figuriña do Belén
Palacio Municipal (Nadal)
Foi un número redondo. A número 200. En decembro de 2008, o belén municipal sumaba unha nova figuriña que representaba a Isaac Díaz Pardo. “Me han vestido de fraile”, dicía o creador tirando da súa característica retranca. A súa representación situaríase ao carón dun amigo, Andrés Fernández-Albalat (que se incluíu en homenaxe a Caio Servio Lupo). No belén, o Díaz Pardo inmóbil sostén unha escultura.
Identidade gráfica
Torre de Hércules
Un ano antes de que a Torre fose declarada Patrimonio de la Humanidad, realizouse un concurso para crear a nova identidade gráfica do faro. Quedou deserto porque ningunha das ideas calou no Concello. O daquela alcalde, Javier Losada, apostou por encargarlle o traballo a Díaz Pardo, quen presentou unha imaxe que representaba as dúas “caras” da historia da Torre: a actual e antiga, coa desaparecida rampla. Finalmente, a imaxe utilizada foi outra.