Reportaxe | Festigual despide unha edición con máis de 3.000 asistentes

Reportaxe | Festigual despide unha edición con máis de 3.000 asistentes
Pan Sen Fron actuaron onte no Ágora | PEDRO PUIG

Festigual, o Festival de Artes pola Inclusión Cultural, pechou onte no Ágora a súa séptima edición, a máis multitudinaria da súa historia, con máis de 3.000 espectadores nas actividades programadas desde o pasado 1 de novembro.


“Estamos especialmente contentas con esta edición, na que tivemos máis seguimento de público e asociacións que nunca. Comezamos coa gala ‘Música baixo as estrelas’ no Colón, con máis de 400 persoas no público e continuamos durante todo un mes con documentais, exposicións, audiovisual, texto, música, teatro...”, apunta Nacho Fungueiriño, coordinador do festival.


O evento chegou á súa fin co musical ‘Dumbo’, o venres, e o concerto de Xurxo Fernandes e Pan Sen Fron coa veciñanza do Campanario onte no Ágora. “Rematamos realmente satisfeitos coa implicación do público de Coruña e coas entidades do sector da inclusión, que fixeron de Festigual un dos grandes festivais de inclusión de Galicia e do noroeste da Península”, comenta Fungueiriño, que cifra en máis de 150 os artistas que formaron parte da programación, con máis de 3.000 espectadores nas actividades formativas e de exhibición.


Os promotores do Festigual aseguran estar xa pensando na edición de 2024, na que buscarán “seguir traballando e mellorando para facer da Coruña unha cidade moito máis inclusiva e que siga apoiando a causa dun modo tan especial”, di o coordinador.


“Un ano máis, Festigual ofrece un programa moi completo, de alta calidade artística, para todas as idades e que demostra que esta cidade, tamén na expresión artística, non deixa ninguén atrás”, sinalou na presentación da séptima edición a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira

Reportaxe | Festigual despide unha edición con máis de 3.000 asistentes

Te puede interesar