Reportaxe | Medio cento de cantos para lembrar a Rosalía no seu día

Reportaxe | Medio cento de cantos para lembrar a Rosalía no seu día
Máis de medio cento de personas participaron ou asistiron á lectura pública | Patricia G. Fraga

Foi un 23 de febreiro, pero de hai 186 anos, cando Rosalía de Castro nacía en Santiago de Compostela. Foi tamén onte, 23 de febreiro, cando un numeroso grupo de veciños da Coruña rendían homenaxe á poetisa lendo a viva voz as súas creacións.
 

Ás portas do teatro coruñés que leva o seu mesmo nome, e atendendo ao chamado da asociación cultural Alexandre Bóveda e da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), veciños, representantes políticos, músicos e diversos persoeiros do eido social e cultural da cidade fixeron fronte ás ameazas da choiva para lembrar a Rosalía.
 

Houbo que refuxiarse, mais as voces dos alí presentes resoaron igualmente lendo as creacións que hai máis dun século e medio ideou a poetisa compostelana. Comezou a nova directora do Instituto de Estudos Coruñeses  José Cornide, Ana Romero Masiá, á que seguiron outros persoeiros, como Mercedes Queixas, Ánxeles Penas ou Olga Patiño.
 

Rosalía é para todos, e así o demostra a diversa participación na lectura pública da obra rosaliana, da que quixeron ser partícipes incluso os máis pequenos, que acudiron até o teatro a renderlle tamén o seu tributo.
 

Rosalía é a poeta máis musical e musicada, as notas non podían faltar nunha homenaxe á súa figura. Nesta ocasión, a música correu a cargo de Bea A de Estrella, que fixo varias interpretacións ao cuberto da entrada do recinto teatral.
 

Aínda que non puido ser ao principio do acto, tal como estaba previsto, a asociación de creadores literarios galegos tiña prevista a lectura dun manifesto, que correría a cargo de Beatriz Maceda. 

Reportaxe | Medio cento de cantos para lembrar a Rosalía no seu día

Te puede interesar