Sen cancelas, a mostra sobre a historia da diversidade sexual en Galicia, chega á Coruña

Sen cancelas, a mostra sobre a historia da diversidade sexual en Galicia, chega á Coruña
Cartel de "Sen cancelas"

O Instituto Eusebio da Guarda acolle desde hoxe e ata o día 18 de abril a mostra do Consello da Cultura Galega (CCG) Sen cancelas. Este proxecto expositivo está pensado para amosar á mocidade un percorrido polo pasado e polo presente en relación coas ideas e conceptos que deron forma á defensa dos dereitos e liberdades das persoas que non se axustaron á norma sexual e de xénero, así como aos estereotipos e valores sociais que os precederon. A exposición conta cunha unidade didáctica que a complementa e que se pode descargar desde o web do CCG.


A exposición, formada por oito paneis, comeza explicando que a diversidade está presente tanto nas persoas como nas sociedades e culturas. A continuación ofrece un percorrido pola diversidade sexual e de xénero a través de diferentes culturas. Explícanse as mencións ás virxes xuramentadas de Albania, os berdaches de América do Norte ou os muxes (ou mushes), termo procedente das culturas zapotecas de Oaxaca (México) que define as persoas ás que lles foi asignado o xénero masculino ao nacer pero que toman para si unha identidade de xénero feminina. Daniela Ferrández e Enrique Latorre son os comisarios deste proxecto expositivo.


A historia de Elisa e Marcela, a de Manuel Buján ou a de Pedro Díaz e Muño Vandílaz son algunhas das que se poden descubrir noutro dos paneis da mostra, que tamén dedica un espazo a visibilizar outras figuras como as de Laura Bugalho ou Eduardo Blanco-Amor, que foron referentes galegos da diversidade sexual.
O obxectivo último do proxecto é espallar a idea de que a diversidade estivo, está e estará sempre presente no ser humano e nas diferentes culturas. Non é unha cuestión exclusiva das persoas diversas, senón que afecta a toda a cidadanía.
 

Sen cancelas tamén ofrece un relato histórico sobre a identidade sexual que arrinca en 1920 e se estende ata o presente. “Amosamos que existiron, como foi un relato de ida e volta no que houbo liberdade e represión”, explica Daniela Ferrández, unha das comisarias do proxecto expositivo. “Traballamos nos dereitos e pretendemos dar a idea de que eses dereitos non sempre existiron, nos que se gañaron visitas, e facer partícipes a esas persoas. E que esas loitas e esas conquistas se gañaron para todos e que debemos de gardar e ampliar”.


O relato histórico da diversidade sexual en Galicia está dividido en dous paneis. O primeiro explica os chanzos que levaron a diversas emancipacións, como a creación dos primeiros colectivos de Galicia (entre 1972 e 1982) ou a protesta que tivo lugar en outubro de 1980 fronte á cafetaría Manhattan Plaza na Coruña pola expulsión de dous rapaces homosexuais. Nel tamén aparece a primeira manifestación polo Día do Orgullo en Galicia, que tivo lugar en Vigo en xuño de 1981 e que reuniu máis de cincocentas persoas.


O segundo dos paneis documenta a situación legal. Sitúa o contexto galego dentro do marco mundial, onde existen 69 países en que a homosexualidade é ilegal, nalgún deles mesmo castigada coa pena de morte. No marco da exposición tamén se poden apreciar algúns dos fitos lexislativos, tanto a nivel español como galego, que marcan as achegas na igualdade de dereitos. É o caso da modificación da Lei 3/2007, de rexistro civil, que permite que as persoas trans que queiran modificar a súa documentación poidan facelo no Rexistro Civil cumprindo unha serie de requisitos. Ata este momento, as persoas que querían realizar este trámite tiñan que pasar por un longo proceso xudicial. Con todo, o fito máis destacado é a lei galega LGBTI (Lei 2/2014), que fixo que Galicia se convertese na primeira comunidade autónoma do Estado en aprobar unha lei específica contra a discriminación das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais. Nesta lei recoñécese a necesidade de traballar a prol da igualdade e identifícanse algúns eidos nos que iniciar este proceso, como o laboral, o social ou o educativo.
 

Esta exposición xorde do convenio asinado en 2021 por Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, que establecía tres liñas de actuación: a diversidade sexual, a eliminación da violencia de xénero e a visibilización de mulleres destacadas do ámbito do pensamento. Dotado con 22 000 euros, procura accións conxuntas nestes ámbitos de actuación. Esta alianza puxo en marcha o foro Identidades e disidencias sexuais, que xa está en marcha e que pretende ser un espazo pioneiro que permita actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGBTI para darlles unha resposta axeitada —‍mediante os recursos e servizos que poidan demandar— e previr as condutas violentas contra o colectivo.

Sen cancelas, a mostra sobre a historia da diversidade sexual en Galicia, chega á Coruña

Te puede interesar