A compañía Os Náufragos Teatro estrea este venres 16 e sábado 17 a súa nova creación, ‘Noso’, no Rosalía de Castro. Trátase dunha “historia familiar”, na que as personaxes afondan nas relacións intrafamiliares, na relación coa terra e en cómo as decisións dunha xeración afectan ás seguintes, todo partindo dun conflicto, “a expropiación dunha casa por causa da construcción dun parque eólico”, explica o director da obra, Gustavo del Río.
O director afirma tamén que “todas as personaxes están marcadas pola súa xeración, pola forma de funcionar coa pertenza a un lugar concreto”, “coas relacións intrafamiliares” e por cómo “os máis novos ven esta historia dunha forma diferente”. “O contacto co rural é algo moi importante nesta peza tamén”, indica Del Río, que asegura que un dos elementos da trama que sobresaen é a relación da familia da obra co “vello ultramarinos que rexentaban os avós, que é onde se sitúa a casa, e como parte deles o ven como algo de lonxe e outros como algo máis cercano”.
Esa diferencia entre xeracións tamén será notable no público, algo que Del Río espera. Así, as referencias ao pasado serán mellor recibidas polo público máis maior, mentres que os novos verán un reflexo máis cercano en personaxes coma a de Rubén, “que é o máis novo”. “A peza ten ese punto de poder velo de diferentes formas, pero o conflito real é o mesmo, a expropiación da casa pola construcción dun parque eólico”, asegura Del Río.
A vertente social que abordan con esta nova obra é un aspecto “fundamental” do teatro, visto desde os ollos do director. “Na compañía levamos moito tempo traballando en temas sociais”, comenta, lembrando a recente ‘Hugo’, sobre os trastornos do espectro autista. “O teatro debe ser un lugar de comunicación co público, tamén desde o social”, afirma Gustavo del Río, que engade que a interpretación en directo, ver a personaxe en vivo e que fale cara a cara co público, “é un valor engadido, fundamental para o teatro”, “a diferencia das series ou das películas”.
A pesares da intención social, con tintes marcados de drama, o director explica que tamén hai espazo para rir. “Quería traballar cun equipo máis grande, que tamén puidera traballar con comedia”, afirma, antes de engadir entre risos que se precisase “unha palabra para definir a obra, podería ser ‘dramedia’”. Deste xeito, mestúranse “as personaxes, desde un punto de vista máis cómico, pero cunha situación dramática detrás, como é a expropiación, desde aí traballamos, apetecíame moito”.
Esta fin de semana vivirán a estrea na Coruña. A vindeira semana actuarán en Santiago, en marzo visitarán Vigo e, en abril, Lugo. A intención é “que a peza comece a rodar e ter máis funcións en lugares da xeografía galega e de fóra de Galicia”, explica Del Río, que asegura que non verían mal percorrer vilas da península que estean a vivir unha situación similar á que se describe nesta nova obra de Os Náufragos Teatro.