Os betanceiros Juan María e Jesús García Naveira emigraron a Arxentina no século XIX e, tras facer fortuna na outra beira do Atlántico, decidiron poñer en marcha diferentes iniciativas coas que contribuír ao progreso e benestar da súa vila natal.
O novo especial de "Historias de ida e volta", proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos algunhas das obras filantrópicas executadas polos dous irmáns, entre as que destaca a construción dun asilo e dun centro escolar, do lavadoiro público das Cascas ou do Parque do Pasatempo.