As Tanxugueiras non precisan a estas alturas ningunha presentación. Aida, Olaia–quen responde a esta entrevista– e Sabela chegan hoxe ao Guísamo Folk, a cita musical que lles permitiu subir a un escenario a amosar a beleza que levan dentro cando aínda non moveran o cimentos do país con temas como ‘Midas’, ‘Figa’ e sí, ‘Terra’. De por medio, todo un Diluvio, pero xa o dixeron, “viñeron pra quedar” e aquí seguen “coa pandeireta na man”.
Acaban de estrear novo single, ‘Pedindo Perdón’. Como está a ser a acollida?
A acollida está sendo totalmente brutal. Sempre pensas que vai ser boa pero nunca que o vai ser tanto. Isto énchenos o corazonciño para seguir facendo cousiñas e dando o mellor de nós.
Como naceu esta canción?
Todo ven da tradición. Neste caso, a canción saíu de ‘Las Panaderas’. Despois pensamos en que había que reivindicar e démonos conta de que un tema moi necesario é o de non idealizar as relacións de parella. Tiña que tratar do empoderamento feminino porque nós sempre escribimos dende este lado, é onde sentimos que podemos falar con máis liberdade e coñecemento.
Imaxino que é o comezo de algo novo que se está cociñando, algunha pista, algún xénero...
O único que podo dicir é que algo que caracteriza a Tanxugueiras é que nunca se sabe. Tanxugueiras vai coa emoción do momento, vibra, ninguén lle di o que ten que facer.
O fío condutor das nosas cancións é a tradición, que é o que temos e o que teremos sempre, porque somos pandeireteiras e o seremos ata que morramos pero nunca se sabe con que xénero imos saír.
A música tradicional pódese mesturar con calquera, non nos ‘encasillamos’. Só temos clara unha cousa, que é a mensaxe que queremos enviar: vimos da tradición, queremos falar do empoderamento e de temas dos que se precisa falar.
Máis castelán nas súas cancións tamén, queren chegar Tanxugueiras máis aló do que xa o fixeron?
Facemos música tradicional e sempre vai estar en galego pero non temos problema en cantar noutros idiomas. Cando cantamos algo doutra tradición respectamos de onde ven, igual que cando colaboramos cun artista que non fala galego, eles van compoñer no seu idioma e nós imos cantalo con todo o amor e o respecto do mundo. O idioma universal é a música, así o vemos.
Son unhas mestras das colaboracións... hai algún soño sen cumprir neste eido? Se imaxinan un Tanxugueiras feat Rosalía?
A nosa inspiración parte das matriarcas e grupos que viñeron antes que nós e fixeron que a nosa tradición perdurara.
Rosalía é para nós un referente das cousas ben feitas, do empoderamento, de mestura, de facer o que che dea a gana, de presencia así que, quen non quere una colaboración con Rosalía?
Estamos abertas a todo tipo de estilos, dá igual que sexan máis ou menos ‘mainstream’. A min, persoalmente, gustariame colaborar con Dani Martín, meterlle unha pandeireta ao seu estilo sería un ‘pelotazo’.
Crearon o segundo himno galego –‘Terra’– pero, como é a experiencia Tanxugueiras fóra de Galicia?
Está chea de amor e de máximo respeto. Non se pode describir porque é algo que se sinte, se palpa. Cando ofrecemos a parte máis tradicional, unha parte do noso corazón, sempre hai un silencio e un feedback moi especial.
Abriron un debate sá sobre as linguas cooficiais. Espertaron unha conciencia social sobre a riqueza cultural de España?
Nós só somos a punta do iceberg. Si que é verdade que ao saír nunha televisión pública, con tanta xente véndote, iso chama máis a atención. Estabamos aquí caladiños pero sempre houbo moita industria, pero era como se a xente non o vira.
Creo que foi iso, visibilizar que hai distintos idiomas. Se empezou a normalizar algo que xa tiña que estar normalizado: que temos moitos idiomas, que o idioma e a cultura sempre enriquecen e que podemos gozalos e aprender.
Guísamo contou con vostedes cando o furacán Tanxugueiras non arrasara aínda medio país, que diferenzas van a percibir?
Para nós, Guísamo Folk é un concerto moi especial, valoramos moito á xente que confiou en nós dende o primeiro momento, que nos deu a oportunidade de subir a un escenario cando non eramos tan coñecidas a expresar o que sentiamos cantando. Iso levámolo no corazón.
Agora, van atopar tres mulleres coa mesma ilusión, que disfrutan co que fan e que cada día agradecen 100% a oportunidade que se lles está dando, que aman a súa cultura.
Van ter ilusión e forza. As diferenzas están en que agora somos tres mulleres, non nenas, que camiñaron e aprenderon moitísimo, con moito esforzo, traballo e dedicación, son as táboas e iso vaise reflectir no escenario.
E despois, van poder pasar por todos os estados de ánimo, van ver realidade, verdade e que o imos dar absolutamente todo.