Dicían Os Diplomáticos que “non hai Dépor sen Arsenio nin Arsenio sen Deportivo” e o símil pode servir perfectamente para Betanzos e o Globo. O símbolo da vila non puido saír este 16 de agosto como de costume, pero a asociación Lar de Unta gañou para sempre o corazón da veciñanza co seu mini Globo, o “irmán pequeno” que voou entre aplausos e berros de “viva Betanzos” e “viva San Roque”.
O aerostato simbólico serviu á cidadanía para “quitar a espiña” e demostrou que o Globo non é sen Betanzos e viceversa, que a “unión” que reclamaba a alcaldesa, María Barral, na Función do Voto está máis que presente entre a poboación. “Foi unha cousa discreta pero a xente de Betanzos merecía ter algo neste día”, explica Xabier Doporto, presidente de Lar de Unta.
A entidade pasou o día de onte recibindo felicitacións “de maiores e novos”, di Doporto, que agradece “enormemente” a colaboración “totalmente altruista de moitísimas persoas que aportaron o seu tempo, esforzo e tamén cartos para pagar o material”. “Isto é un sentimento que todos os betanceitos levamos dentro, igual que outras moitas tradicións. Nós só puxemos o noso gran de area e Betanzos actuou como pobo, saíndo da polémica e respondendo moi ben”, comenta o voceiro da agrupación cultural, que conta cuns cen socios, todos eles implicados nos traballos arredor da elaboración e voo do artefacto simbólico.
María Barral dixo, precisamente, na súa ofrenda ao patrón que “é a nosa obriga escoitarnos, entendernos, ir da man, sempre na procura dun interese xeral que debe prevalecer”. Lar de Unta fundouse hai 24 anos e leva 20 dinamizando a vida cultural do casco histórico brigantino e sobre as discrepancias que provocaron que este ano non houbese Globo de San Roque, só apuntan que “están aí para todo o que precise a Fundación porque o Globo ten que estar por riba de calquera disputa”. Así, confían en que en 2024 o aerostato de papel máis grande do mundo volte ao Campo para xirar e xirar ata chegar ao ceo.