A capital galega conta os días para comezar a celebrar a famosa Festa da Uña de San Lázaro.
O evento gastronómico vivirá o seu día grande o luns 18. Non obstante, non será necesario agardar ata a vindeira semana para gozar das uñas.
Como novidade, este venres o centro comercial As Cancelas ofrecerá unha degustación do prato tradicional, aínda que todas as persoas que queiran probalo poderán facelo a partir dese día nunha vintena de establecementos da cidade.
Ademais, a consumición agocha premios. Soamente por pedir a comida típica nun local, a Sociedade Deportiva Compostela dará como agasallo unha entrada para o partido que xogarán o día 17 contra o Langreo.
Un evento inédito será tamén a andaina guiada pola beira do Sar que se realizará o mesmo domingo, nunha nova aposta do Concello polo ocio responsable co medio ambiente.
Nela, percorreranse os 4,2 quilómetros da senda fluvial que atravesa de parte a parte o barrio de San Lázaro.
Así, o paseo permite coñecer o pasado e presente de Compostela, pasando a carón de antigos curtidoiros, vellos muíños e fontes que amosan os diferentes usos do río na antigüidade, e de construcións máis modernas para facilitar o desenvolvemento urbano.
En calquera caso, o prato forte das festas está reservado para o luns 18. Esa noite, a orquestra París de Noia actuará para poñer fin e despedir a Festa da Uña ata o ano que vén.
Os locais que ofrecen as uñas, así como o programa completo da Festa, pode consultarse no programa de Semana Santa, dispoñible na oficina de información de Turismo de Santiago e en www.santiagoturismo.gal.