O Consello da Cultura Galega achégase cun documental á historia da recuperación da zanfona

O Consello da Cultura Galega achégase cun documental á historia da recuperación da zanfona
Antón Corral y María Xosé Porteiro

A zanfona é un dos instrumentos icónicos da recuperación da música tradicional, un símbolo identitario que nos conecta co período medieval. A súa historia está chea de conexións e confluencias que agromaron nos anos setenta e que permitiron a época dourada vive hoxe. Este camiño recente é o que conta Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, o novo proxecto audiovisual promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG) que se presentou no serán deste xoves no Museo de Belas Artes da Coruña. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do museo, Ángeles Pena Truque, presentaron este traballo xunto co seu director, Ramón Pinheiro e dous dos protagonistas, Miro Casabella e Pablo Quintana. O documental realizado pola aCentral Folque e a produtora audiovisual Aqueladas xa se pode ver no web do CCG.

 

“A día de hoxe a zanfona está a vivir unha pequena era dourada, tanto na construción, como na interpretación como no ensino, e que xorde das décadas dos sesenta e setenta cando se producen unhas pequenas grandes revolucións, das que dalgunha maneira continuamos a beber” apuntou na presentación o director do documental, Ramón Pinheiro. O audiovisual está conducido pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro e reúne en 72 minutos os testemuños dunha decena de persoas que estudaron ou protagonizaron o rexurdir da zanfona nesas décadas. 


Todo cristaliza na Transición, no momento do nacemento da contemporánea e o folk, cando un grupo de músicos e artesás, volveron facer soar a zanfona ata convertela nun dos instrumentos icónicos da música tradicional. Antón Corral, Miro Casabella, Carlos Villanueva, Xosé L. Rivas Cruz "Mini" (Fuxan os ventos), Pablo Quintana, Luciano Pérez (Obradoiro da Deputación de Lugo) ou Emilio Cao son algúns dos protagonistas que ofrecen o seu testemuño neste documental xunto cos membros do pioneiro grupo didáctico de Zanfonas da Escola de Gaitas de Ortigueira: María del Mar Fernández Polo, Marta Pérez Ojea e Vicente Bermúdez Garrote.


O audiovisual inclúe imaxes da época cedidas polos propios protagonistas, arquivos particulares e públicos, algunhas inéditas que ven a luz por primeira vez. Xosé L. Rivas Cruz “Mini” explica no documental que “a zanfona era un son familiar, noso, que nos transportaba a unha cosmovisión pero que non coñecíamos moi ben”. Canda el, Pablo Quintana ou Miro Casabella achegaron a visión dos músicos que se fascinaron por ese instrumento. Por outra banda, Antón Corral explica como foi o proceso de reconstrucións do instrumento “partiamos das gaitas que gardara Faustino Santalices e aí empezamos a reconstruíla, pero non sabíamos como se facía. Ao principio metíamos madeira moi boa pero pesada e, co tempo, fomos descubrino que era todo o contrario, que tiña que ser lixeira” apunta no documental. Todas as intervencións teñen un punto de conexión moi claro: o traballo precursor de do músico e estudoso do folclore Faustino Santalices  (Bande 1877 - Madrid 1960).


“Santalices foi a gran figura do século XX que alén do afán documentalista de recuperar instrumentos históricos e vellos, foi deixando tamén a súa experiencia como se encorda, as afinacións....” apuntou o director do documental, quen tamén lembra que a zanfona era un instrumento que ten a súa orixe no século XX, restrinxido ao mundo dos cegos, de transmisión oral e que comeza a desaparecer a finais do século XIX. O documental explica como foi ese proceso sobre como ten que tocar a zanfona. “Santalices foi moi importante para toda ese xeración que procuran imitalo e constrúen tamén o seu propio imaxinario de como era o son” apunta Pinheiro.


A reconstrución do instrumento, a súa revitalización, como se foi incorporando nos repertorios así como o traballo didáctico para achegalo ás escolas abórdanse no marco deste proxecto. 


Peche musical
O acto, que tivo lugar no Salón de Actos do Museo de Belas Artes, rematou cunha intervención musical a cargo do grupo Cántigas das Terra, formación na que destaca a zanfona. Conformaban o repertorio a Alborada Anterga de Ourense, a Foliada de Nostián, os Alalás de Santa Marta e de Pontevedra xunto coa Muiñeira de Rubiás. Unha escolma que tivo moi presentes a Saturnino Cuíñas e Perfecto Feijoo, dou folcloristas fundamentais na música da historia galega.


O documental foi preestreado previamente en dous espazos especializados o pasado 14 de setembro: dunha banda no Festival Celme da Zanfona de Lugo e, da outra, en Tui, no Encontro profesional de música Galiza_Portugal MUMI I Musicas no Minho.

 

O Consello da Cultura Galega achégase cun documental á historia da recuperación da zanfona

Te puede interesar