O Consello da Cultura Galega celebra o seu 40º aniversario coa estrea de Terra

O Palacio da Ópera da Coruña acolle este venres 24 de novembro (20:00 horas) un concerto conmemorativo polo 40º aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG)
O Consello da Cultura Galega celebra o seu 40º aniversario coa estrea de Terra

O Palacio da Ópera da Coruña acolle este venres 24 de novembro (20:00 horas) un concerto conmemorativo polo 40º aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), dirixida por Víctor Pablo Pérez, interpretará un programa no que destaca a estrea da cantata Terra, do compositor Juan Durán. O concerto será gravado para a súa futura edición.


Este concerto, que se integra dentro do programa de abono da OSG, presenta un programa con dúas pezas de marcado corte festivo. Unha delas é unha composición elaborada especificamente para a ocasión polo recoñecido compositor galego Juan Durán, polo que será a súa estrea absoluta. Trátase dunha cantata para solista, coro e orquestra, e para a súa interpretación contarase co coro da OSG, dirixido por Carlos Mena e Javier Fajardo, e co barítono Javier Franco.


Na súa composición, Durán buscou amosar o carácter reivindicativo da obra de Ramón Cabanillas, para o cal partiu dos textos máis militantes dos poemarios No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. O resultado é unha obra de longa duración (rolda os corenta minutos), organizada en tres movementos, que combina unha homenaxe á tradición oral do país cun ton épico e de intencionalidade descritiva das paisaxes, os sentimentos e a historia do país. 


O programa arrinca coa Sinfonía nº 3 en mi bemol maior, op. 97 «Renana» de Robert Schumann. A obra, estreada en Düsseldof en 1951 con moi boa acollida, conta con cinco movementos e ten un aire de celebración e afirmación rotunda, unha carga revolucionaria que foi recibida con éxito en moitas cidades europeas da época.

 

O Consello da Cultura Galega celebra o seu 40º aniversario coa estrea de Terra

Te puede interesar