A Fundación Repsol e a Xunta de Galicia convocan unha nova edición do Premio de Narrativa Breve

A Fundación Repsol e a Xunta de Galicia convocan unha nova edición do Premio de Narrativa Breve

A Fundación Repsol e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocan a XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol co obxectivo de  impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega e promover o seu uso social, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.

 

O anuncio do lanzamento da nova edición tivo lugar na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, onde o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a xerente da Área Institucional de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, fixeron entrega ao centro de lectura dunha colección das obras galardoadas en pasadas edicións. Desta maneira a Biblioteca Juan Compañel poderá ofrecer e acercar aos seus preto de 1.000 visitantes diarios a lectura e calidade de quince novelas premiadas ao longo das edicións.

 

Esta entrega forma parte do proxecto “Bibliotecas Galegas coa Narrativa Breve Repsol” co cal Repsol está a distribuír unha colección para cada unha das 300 bibliotecas públicas que conforman a Rede da Xunta de Galicia. En total 4.500 exemplares do premio editados por Galaxia que van permitir reforzar e facer máis visible a creación e talento literario dos autores, verdadeiros artífices do galardón.

 

Ao longo das súas edicións o Premio Narrativa Breve Repsol consolidouse como un certame de referencia no panorama das letras galegas, sendo dezaseis as novelas xa publicadas e cerca de 500 as obras que se presentaron ao concurso desde a súa creación.

 

Para a XVII edición a dotación económica do Premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. A obra gañadora darase a coñecer no mes de setembro e as bases de participación están dispoñibles nas webs da Fundación Repsol e o Complexo Repsol da Coruña. As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo.

 

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande conseguiu este galardón pola súa obra "Se algún día esta muller morta" e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por "O insomnio dos centauros". A gañadora da segunda edición foi a obra "Así nacen as baleas", da escritora Ángeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por "A verdade como mal menor".

 
Na edición 2010 o premio foi para o escritor, Xurxo Sierra, pola súa obra "Os Fios". "Microbios e outros paquidermos" de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011. En 2012, o galardón foi para "A forma das nubes", de María López  Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi "O derradeiro libro de Emma Olsen", de Berta Dávila. No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra "A Diagonal dos Tolos" e no 2015 a novela galardoada foi  "Fontán" do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con "Nordés". O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por "O sono das sereas" no 2017 e o monfortino, Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra "Extraordinario".

 

Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra "Diario dun enterro" e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve "Illa Decepción". No 2021, a novela "Eternity" do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elexida polo xurado para obter o premio, e no 2022 o xornalista e escritor, Alberto Ramos, é o último gañador pola súa novela "Os corpos dos Romanov", que se atopa actualmente dispoñible en librerías tras a súa publicación en decembro.

 

A Fundación Repsol e a Xunta de Galicia convocan unha nova edición do Premio de Narrativa Breve

Te puede interesar