Pedro Rodríguez Otero é o gañador do concurso de microrrelato "O galego que deu a razón a Newton", dedicado ao matemático José Rodríguez González, o matemático de Bermés, o matemático de Lalín.
Esta figura é a considerada como científico do ano para a Real Academia Galega das Ciencias neste 2024, cando se fan tamén 200 anos do seu pasamento. Co gallo desta efeméride, desde El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario de Ferrol e Diario de Bergantiños invitaron os cativos que cursan secundaria e teñen entre 12 e 16 anos a coñecer a obra e vida do que é considerado como o primeiro científico moderno da historia de Galicia, poñendo en marcha un concurso de microrrelatos, deseñado baixo a temática “O galego que deu a razón a Newton”.
Durante case un mes, os participantes achegaron os seus microrrelatos nas páxinas web das catro cabeceiras e tras a deliberación do xurado o gañador foi Pedro Rodríguez Otero, que participou a través da páxina web de Diario de Ferrol. Como premio, recibirá unha tablet Lenovo M10 HD, valorada en 169€.
Tamén recibirán senllos premios o primeiro finalista, Darío Pita Rodríguez, que participou a través de Diario de Ferrol e que recibirá un reader Kobo Clara 6" HD, valorado 109,99€; e a segunda finalista, Nuria Dumont Rosado, que participou a través de El Ideal Gallego e que recibirá un Amazfit Bip 5 Smartwatch, valorado en 69,00€.
Ademais, o relato gañador e os dous finalistas serán incluídos na versión dixital e impresa do 8 de decembro de 2024 dos diarios.