Poemas, flores e música para conmemorar o 187 aniversario do nacemento de Rosalía

400 locais de toda Galicia teñen durante este venres dentro da súa oferta 'Caldo de Gloria'
Poemas, flores e música para conmemorar o 187 aniversario do nacemento de Rosalía
Un momento da homenaxe a Rosalía en Santiago | EFE

A Praza de Vigo de Santiago acolleu este venres uno dos actos centrais de conmemoración polo Día de Rosalía 2024, no que se cumpren 187 anos desde o seu nacemento, coa realización dunha ofrenda floral e a interpretación do poema 'Quíxente tanto meniña' por parte de alumnado do CEIP Quiroga Palacios da capital galega.

 

O acto contou coa participación do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca; o secretario xeral de Política Lingüística en funcións, Valentín García; ou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, entre outros.

 

Co recitado dun poema por parte de alumnado do CEIP Quiroga Palacios deu comezo este acto, que continuou coa ofrenda floral no monumento en homenaxe a Rosalía de Castro instalado na Praza de Vigo, preto de onde naceu hai 187 anos.

 

A continuación, tomou a palabra Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, que puxo en valor que Rosalía de Castro representa a Galicia "no mundo". "Rosalía é algo que nos move, porque o horizonte para o que ela camiñou é o horizonte para o que nós queremos seguir camiñando", manifestou.

 

Tamén interveu o presidente da asociación de veciños Raigame, Xosé Manuel Durán, que aproveitou para reivindicar ante as autoridades presentes "a necesidade de dignificar este lugar" e que "tamén sirva de orgullo".

 

Símbolo

Pola súa banda, o alcalde de Padrón sinalou o legado dunha figura que "une" e que ten "un legado imprescindible". "Desde a administración só podemos continuar colaborando para impulsar o seu coñecemento", aseverou.

 

Tamén a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, destacou a celebración do Día de Rosalía, unha muller "rebelde, transgresora, ecoloxista, feminista" e que "reivindicou a nosa lingua e cultura".

 

Así mesmo, o titular do Goberno galego en funcións, Alfonso Rueda, destacou que Rosalía de Castro foi "moito máis" que "unha magnífica poetisa". "Foi un símbolo do feminismo, da igualdade, das letras galegas, da nosa cultura e da nosa identidade", asegurou na súa intervención.

 

Tamén subliñou a importancia de manter vivo, "engrandecer e enxalzar" o legado de Rosalía, "unha das máximas representantes" da cultura galega e que contribúe a "levar a marca Galicia por todo o mundo".

 

O grupo 'Carapaus' foi o encargado de pór o broche final a este acto interpretando a Alborada para Rosalía.

 

Ao concluír, a formación musical iniciou uns pasarúas até o Hostal dos Reis Católicos, onde se celebraba ás 12,00 horas outro acto para conmemorar este día, con lectura de poemas e actuacións musicais de Faia e de alumnado da Escola de Música de Santiago.

 

Durante esta xornada, Padrón tamén acolle diversos actos para conmemorar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, cunha ofrenda floral, degustación de Caldo de Gloria e pasarúas.

 

Durante esta xornada, máis de 400 locais de toda Galicia (hostaleiros, colexios, comedores de empresa, de residencias ou centros de día) -- unha trintena deles en Santiago-- sumáronse á iniciativa de cociñar 'Caldo de Gloria', que xurdiu do poema 'Miña casiña, meu lar' no que a poeta explica como facer un caldo humilde a partir da épica da supervivencia, diaria e doméstica, que protagoniza unha muller.

 

Ademais, nesta sétima edición, volve despois da pandemia o Caldo de Gloria á Casa-Museo da man de Suso do Dezaseis e a cantante Uxía. Ambos ofrecerán a súa versión do Caldo aos presentes (a partir das 19,00 horas), xunto co bolo de pote realizado por tres mulleres de Mazaricos. A continuación, no auditorio da Casa-Museo terán lugar o concerto de Faia.

 

Do mesmo xeito, este ano volverase a celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, do mesmo xeito que se fixo en 2013 e nos últimos catro anos.

Tamén se sumou ás celebracións desta efeméride a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que propón un ano máis á cidadanía regalar un libro en galego e unha flor ás súas amizades e seres queridos.

 

Nesta edición de 2024, Carlos Callón é a persoa encargada da redacción do manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía que a entidade celebrará este sábado, a partir das 12,00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

 

Festival

Durante esta xornada, tamén se sumaron aos actos deputacións e concellos. Así, a Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago, organiza a sexta edición do Festival Rosalía con poesía, escena, música, artesanía e narración oral para celebrar a potencia creadora en lingua galega.

 

Unha quincena de actividades encherán a compostelá Praza de Mazarelos entre este venres e sábado baixo o lema 'Un grande atrevemento'. Comezarán ás 17,00 horas deste venres coa apertura da feira de produtos "marca Rosalía". Tras iso, haberá un contacontos familiar que trazará un percorrido pola traxectoria do poeta.

 

Ás 19,00 horas, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, encarnados por Isabel Risco e Fran Rei, protagonizarán un espectáculo que fusionará música, audiovisual, teatro e humor. Despois, ás 20,30 horas exhibirase o proxecto Indóciles.

 

As actividades continuarán o sábado con pasarúas, contacontos e a presentación do libro 'Intenso e solidario Feminismo. Estudos Rosalianos' por parte da investigadora Pilar García Negro. Ademais, ás 20.00 horas, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital 'O atrevemento dá voz nos versos' a autoras como Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosqueteira e Nuria Vil. As actividades terminarán coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo 'Rematou o simulacro'.

Poemas, flores e música para conmemorar o 187 aniversario do nacemento de Rosalía

Te puede interesar