O informe 'O valor económico do galego', elaborado polo Observatorio da Cultura Galega e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), recolle que o impacto do galego no conxunto da economía de Galicia supón 1.440 millóns de euros de valor agregado bruto (VAB) e 27.702 postos de traballo.
Así, o documento foi presentado, na mañá deste venres, pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, profesores da USC e investigadores do Idega.
García sinalou que este é un "informe complexo" e que ter unha lingua propia "é unha riqueza". "O informe deixa claro a sorte de poder contar cunha lingua como o galego que non só é unha riqueza cultural, senón que tamén que xera riqueza, activa a nosa economía e identifícaa", remarcou.
Desta forma, o informe, que xa está dispoñible en liña, concluíu que, con respecto ao total da economía galega, as actividades vinculadas de forma directa ao galego xeran un 2,5% do VAB e un 2,7% dos postos de traballo equivalentes á xornada completa en 2019 en Galicia creáronse en actividades vinculadas á lingua galega.
En canto aos termos comparativos, o impacto directo do galego sobre a economía de Galicia foi case o dobre que o valenciano na Comunidade Valenciana --1,3% do VAB-- e inferior ao vasco no País Vasco --3,1% do VAB--.
Para estimar o valor económico da lingua delimitaron os bens e servizos directamente relacionados coa lingua como elemento diferencial no seu proceso produtivo e, con posterioridade, as actividades que o producen.
O informe estimou o valor da lingua en catro grandes subsectores ou grupos de actividades. O de maior impacto é o de educación e representa un 72,3% do VAB e un 68,2% do emprego xerado polo galego, o que significou máis de 1.041 millóns de euros e 18.879 empregos.
O segundo sector é o das industrias culturais e medios de comunicación que achegou directamente un 20,5% do VAB --295 millóns de euros-- e un 26,4% do emprego, equivalente a tempo completo, en actividades vinculadas ao galego, uns 7.300 postos de traballo.
Practicamente, a metade da actividade deste subsector é atribuíble ao galego, un 54,3% do total do VAB e un 47,9% do total de emprego de toda a industria da cultura e dos medios de comunicación de Galicia, independentemente da lingua.
O terceiro grupo en importancia relativa é o da promoción da lingua e da cultura das administracións públicas, que xera un 6,7% do VAB e un 4,9% do emprego directo atribuíble ao galego. Así, en concreto, 95,7 millóns de euros e 1.382 empregos.
Así mesmo, recolleu que a achega de actividades de promoción da lingua da Administración autonómica e local --concellos e deputacións-- calculouse en 7,1 millóns de euros de VAB e case 103 empregos a tempo completo. As actividades de promoción da cultura supuxeron 88,5 millóns de euros de VAB e 1.278 empregos a tempo completo.
En canto ao sector das industrias da lingua supuxo unha contribución dun 0,5% ao VAB e ao emprego atribuíble ao galego, o que significa 7,5 millóns de euros e 137 empregos.
Ademais, o informe contabilizou o impacto derivado do idioma. O indirecto ascendeu a case 210 millóns de VAB e 4.242 empregos equivalentes a xornada completa.
En cando ao impacto inducido é de 1.045 millóns de euros de VAB e 17.949 empregos equivalentes a tempo completo. Con todo, o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua galega ten representado, segundo o informe, o 4,7% do VAB e o 4,8% do emprego equivalente a tempo completo.