A alcaldesa da Coruña e candidata a reelección, Inés Rey, reivindicou este mércores, no Día das Letras Galegas, a aprobación da primeira Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello da Coruña que saiu adiante no pleno ordinario de xuño de 2021. “Un importante paso para a normalización do uso do galego na nosa cidade que é ademais referente galeguista por ser a primeira institución da comunidade onde se izou a bandeira galega o 25 de xullo do 1921”.
A rexedora puxo en valor esta iniciativa, "un dos grandes pasos no vixente mandato en materia de normalización lingüística" ao ser a primeira vez que a Corporación municipal conta cun marco normativo deste tipo en máis de tres décadas. Rey instou, neste sentido, a que as Administracións públicas sigan traballando de forma conxunta para avanzar na posta en marcha de propostas que incentiven o uso da lingua galega, especialmente entre as novas xeracións.
Así se comprometeu a alcaldesa, Inés Rey, no marco das ‘125 medidas para A Coruña que avanza’ que pon como obxectivo para o vindeiro mandato "converter A Coruña no epicentro da celebración das letras galegas" coa celebración de diferentes encontros culturais para a conmemoración da data. “O noso obxectivo é seguir impulsando o traballo dos autores e autoras das nosas letras, especialmente os locais, e converternos na cidade referente na celebración das Letras Galegas a nivel autonómico e tamén nacional”, explicou.
Os socialistas da Coruña conmemoraron o Día das Letras cun acto de homenaxe a Manuel Murguía, no cemiterio de Santo Amaro, onde se levou a cabo unha ofrenda floral ante a tumba do escritor a quen neste ano 2023 se lle dedica o centenario pola súa morte.
“Murguía foi fundador da Real Academia Galega, institución de referencia das nosas letras que ten a súa sede na Coruña facendo honra a ese fondo galeguismo presente no noso ADN como cidade berce dos Xogos Florais no 1861, a Cova Céltica no 1893 ou as Irmandades da Fala no 1916” concluíu Inés Rey.
Tamén este mércores 17 de maio, os socialistas da Coruña levaron a cabo a lectura dun manifesto contra a Lgtbifobia. O acto tivo lugar ante a árbore en homenaxe a Marcela a Elisa, no Bosque das Mulleres do parque de San Diego. Un enclave cheo de simbolismo por ser unha homenaxe a dúas mulleres coruñesas que escenificaron o primeiro intento de matrimonio homosexual en España o 8 de xuño do 1901. “Non foi ata 104 anos despois cando os socialistas, co presidente José Luis Rodríguez Zapatero, aprobamos a primeira lei de matrimonio igualitario situándonos á vangarda de Europa e avanzando nos dereitos e na
dignidade das persoas Lgtbi”, explicou a candidata á Alcaldía.
Noemí Díaz, secretaria de dereitos Lgtbi e candidata número 7 na lista encabezada pola alcaldesa de cara ás eleccións do 28 de maio reivindicou o partido socialista como o partido dos dereitos. “Somos conscientes de que queda moito por acer en materia LGTBI e nos vindeiros anos seguiremos facendo da nosa cidade unha referencia de progreso e igualdade con Inés Rey como alcaldesa desa A Coruña que avanza”, sinalou.