Javier Gestal Pose protagonizou unha das sorpresas da área metropolitana nestes últimos comicios, logrando a maioría absoluta en Carral á fronte de Alternativa dos Veciños –7 concelleiros–. O que en 2019 superou en votos ao alcalde da vila desde 2003, José Luis Fernández Mouriño (PP), e que acadou o bastón de mando grazas ao apoio do PSOE –que despois se desvinculou do Goberno–, revalidará o seu cargo sen necesidade de pactos.
Agardaba este apoio masivo?
A verdade é que si. Fixemos unha campaña porta a porta e o cariño da xente notábase. Sempre pode xurdir algo, pero eu confiaba en ter bos resultados.
Que lle vai permitir facer esta maioría absoluta?
Levamos catro anos traballando moi duramente, primeiro en coalición co PSOE e estes últimos dous en minoría. Deixáronnos e vivimos dous anos de inferno porque cada cousa que levaba a un pleno a botaban abaixo. Non vai ser necesario, pero se tivese que renovar o pacto, faríao co PSOE, pero non co seu candidato. Agora imos sacar adiante moitos proxectos.
Como cales?
Unha das prioridades foi sempre o da depuradora, que desde o ano 2010 está dando problemas. Temos que facer unha nova. Tamén acabar co Plan Xeral e seguir coa asistencia en Servizos Sociais, apoio á xuventude. Non son de grandes obras pero o da depuradora é fundamental para garantir un bo saneamento.
Alternativa obtén a mellor subida en Carral. A diferenza é vostede?
Nas municipais sempre é a persoa, eu sempre fun moi cercano a todo o mundo. Unha vez sacáronme de broma en Facebook como San Francisco Javier de Jacinto. A min gústame axudar á xente.
E que pensa dos que din que é García Seoane o que goberna Carral?
Cando mandan PP ou PSOE non din que goberna Rueda ou Sánchez. Gelo xamais me dixo o que tiña que facer aquí, ao contrario, estoulle agradecido porque sempre me axudou no que necesitei.
José Luis Fdez. MouriñoPP |
“Espero que gobernen sen ser marionetas doutros concellos” |
Carral decidiu darlle a confianza a Alternativa e o pobo é soberano. Temos un magnífico equipo que conseguiu mellorar os resultados do 2019, pero non foi suficiente. Cóstame entender que se vote a unha candidatura que perdeu seis millóns de euros en subvencións. Quero o mellor para Carral e espero que gobernen sen ser marionetas doutros concellos. O PP apoiará o que sexa bo para os veciños. |
Pablo CoutoPSOE |
“É momento de reconstruír o proxecto socialista en Carral” |
Cunha alta participación e un clima de alta polarización, no PSdeG de Carral perdemos a metade dos apoios recibidos en 2019 e pasamos de ter tres a un representante. A caída xeralizada do voto ao PSOE beneficiou a Alternativa. É momento de reconstruír o proxecto socialista de Carral para seguir sendo útiles ao pobo desde a oposición, fiscalizando a labor do novo goberno e aportando propostas. |