O maxistrado do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do detido como presunto autor do crime machista do venres da pasada semana en Baiona.
Humberto G.R., de 38 anos, está investigado por un delito de homicidio ou asasinato, pendente de determinar ao longo da instrución, e por outro delito de quebrantamento de medida cautelar, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O home, que se entregou este xoves despois de fuxir tras o crime, acolleuse ao seu dereito a non declarar. O procesado atopábase nun galpón na parroquia de Belesar, a mesma na que se produciu o asasinato.
Foi a súa nai, segundo indicou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, quen, ante a presión policial, púxose en contacto co cuartel da Garda Civil para comunicarlles que se quería entregar, algo que se produciu cara ás 07.00 horas do xoves.
A Humberto G.R., buscábaselle desde que se fuxiu do lugar dos feitos o venres unha vez que chegaron os sanitarios e antes de que se presentasen alí os axentes.
Desde entón, a Garda Civil estableceu un amplo dispositivo e pediu colaboración á Policía Nacional, ás locais e tamén ós corpos e forzas de seguridade de Portugal para detelo e poñelo ao dispor do Xulgado de Violencia sobre a Muller, que é a que investiga o caso do crime machita de Baiona.
As pistas sobre o presunto homicida de Ronsel, de 36 anos, eran “prometedoras”, avanzou o luns subdelegado do Goberno en Galicia, Abel Losada.
A Garda Civil apuntou que sospeitaban que non sairía da zona. A exparella da vítima, en principio a última persoa que a viu con vida antes de chamar ao 061, é o principal sospeitoso, sobre todo porque o corpo da muller apareceu na porta da súa casa.