FSIE consegue o compromiso da Consellería para que os coordinadores de dinamización da lingua galega cobren o complemento salarial

FSIE consegue o compromiso da Consellería para que os coordinadores de dinamización da lingua galega cobren o complemento salarial
Rodolfo Castro e Valentín García

FSIE Galicia vén de conseguir un compromiso por parte da Consellería de Educación para que os coordinadores dos equipos de dinamización da lingua galega no ensino concertado cobren o complemento salarial que si reciben os seus homónimos do ensino público. 

 

Este compromiso logrouse nunha reunión mantida a semana pasada entre o secretario xeral do sindicato maioritario do ensino concertado, Rodolfo Castro, e o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación, Valentín García.

 

O encontro discurriu nun clima de cordialidade, no que Valentín García recoñeceu que é unha situación inxusta e que efectivamente as coordinadoras e os coordinadores dos equipos de dinamización da lingua dos centros concertados teñen os mesmos dereitos  administrativos e económicos que os homónimos da pública.

 

Grazas a esta reunión, sinalan dende FSIE Galicia, conséguese o compromiso por parte da administración pública de poñer este tema enriba da mesa e que nos próximos meses se faga un estudo do custo económico e se inclúa nas partidas orzamentarias da Consellería de Educación.


O secretario xeral de FSIE Galicia, Rodolfo Castro, explicou que se trata dun novo avance, na liña de todas as melloras conseguidas polo sindicato trala firma do acordo marco de mediados de xuño. “FSIE GALICIA segue apostando pola interlocución coa Consellería e consegue resultados. A primeira pedra xa está posta”, asegurou Castro.
 

FSIE consegue o compromiso da Consellería para que os coordinadores de dinamización da lingua galega cobren o complemento salarial

Te puede interesar