A Xunta amplía en case un 70% o orzamento das axudas extraordinarias ao retorno

Emprego indicou que a medida permitirá atender a alta demanda do programa e beneficiar a 1.159 familias
A Xunta amplía en case un 70% o orzamento das axudas extraordinarias ao retorno
O conselleiro de emprego, José González (2i), xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda (3i), acuden a un acto | Aec

A Xunta de Galicia amplía o orzamento destinado ás axudas extraordinarias ao retorno nun 67%, pasando dos dous millóns de euros iniciais aos 3,5 millóns, tal e como reflicte a resolución publicada onte polo Diario Oficial de Galicia.


A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración detallou que permitirá atender a alta demanda do programa e beneficiar un total de 1.159 familias retornadas este ano. Trátase dunhas axudas que supoñen un amparo moi importante no establecemento das persoas que retornaron, axudando á súa integración na comunidade galega.


Con esta medida, a Xunta reafirma o seu compromiso con aqueles galegos que apostan por regresar á súa terra de orixe para iniciar unha nova etapa da súa vida.


As axudas extraordinarias ao retorno son un recurso fundamental que permite cubrir necesidades iniciais como o establecemento de persoas e familias que deciden fixar a súa residencia en Galicia.


Desde o seu inicio, este programa demostrou a súa eficacia ao ofrecer axudas directas que facilitan o proceso de regreso e asentamento, favorecendo o retorno de familias con nenos e incentivan o establecemento no rural. 


Inclúese unha axuda específica para as familias con fillos menores que se establezan en Galicia, cun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo, e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25% no caso de que a familia resida nun concello rural, para dar cumprimento aos obxectivos de reforzar o apoio a familias con cargas.


Con esta ampliación orzamentaria, a Xunta profunda no seu compromiso de apoio ás persoas galegas do exterior que, co seu regreso, contribúen a fortalecer o futuro de Galicia.

 

 A integración social e laboral, xunto co apoio ás familias retornadas, é unha prioridade do Goberno galego para consolidar o retorno como unha oportunidade de desenvolvemento e crecemento para a comunidade.  

A Xunta amplía en case un 70% o orzamento das axudas extraordinarias ao retorno

Te puede interesar