O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe que para a Xunta de Galicia é un reto impulsar e apoiar o emprego innovador a través do cooperativismo. Nunha visita que realizou en Cambre ao centro loxístico do Grupo Las Rías, acompañado do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o titular de Emprego incidiu na importancia que para o Goberno galego é apoiar a xeración de emprego en Galicia, creando máis traballo na economía social e que este sexa cada vez máis innovador e no que a mocidade e as mulleres teñan maior presenza.
En palabras de González, a Administración autonómica cree nos modelos que defenden a cooperación, como é o cooperativismo, para mellorar os seus beneficios, e nos que apostan pola innovación e por valores sociais e medioambientais para continuar xerando riqueza no territorio e fixar poboación.
Referido tamén ao ámbito do cooperativismo, puxo en valor, na visita ao centro que celebra este ano o seu 50 aniversario, o traballo innovador que realiza a cooperativa do Grupo Las Rías en Cambre, a través do seu centro loxístico automatizado, e sinalou que a Xunta está a deseñar unha nova Lei de cooperativas da man dos axentes implicados. De feito, o conselleiro apuntou que se está a reforzar e potenciar o proceso de escoita activa para elaborar esta nova normativa que se quere actualizar, xa que data do ano 1998, adaptándoa ao novo contexto socioeconómico.
O diálogo -apuntou González- sempre é frutífero e, de feito, lembrou que serviu para elaborar a segunda Estratexia da economía social que se está a executar na actualidade coa aspiración de xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.
É unha planificación con horizonte 2027 con máis de 174 millóns de euros presupostados para seguir atraendo talento a Galicia e seguir mellorando a competitividade do noso tecido empresarial.
Por último, apuntou ao modelo de éxito das cooperativas en Galicia, que resistiu nas últimas crises e na pandemia e que, ademais, continúa medrando cunhas 138 novas cooperativas a peche de 2023, compostas por 434 persoas socias promotoras.