A Xunta de Galicia ofertará mais dun cento de cursos de lingua e cultura galegas a persoas procedentes do exterior, que se enmarcará dentro do Plan de 50 medidas que porá en marcha de cara ao ano 2025 co obxecto de impulsar o emprego da nosa lingua en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a presentación da nova imaxe da campaña Saca a lingua que levas dentro, coa que se procura “pór en valor o privilexio que supón contar cun idioma propio, que debemos ver como un gran tesouro do que estar orgullosos”. “E non hai mellor xeito de defendelo e de preservalo que falándoo”, emprazou.
López Campos deu a coñecer a nova imaxe desta campaña, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, na que, segundo subliñou, se incide na importancia do galego “como elemento clave da nosa identidade”. En todo caso, subliñou que “nunca antes” se ten dado que “houbese tantos galegos que soubesen falar, ler e escribir na nosa lingua”, en referencia a que o galego é a lingua cooficial de España máis empregada e a idioma cooficial co índice máis alto de coñecemento de comprensión e lectoescritura.
Así, asegurou que, neste intre, o desafío pasa por “prestixiar e atraer” a xente cara ao noso idioma, especialmente o alto número de persoas provenientes do exterior. Neste senso, explicou que Saca a lingua que levas dentro pretende “alimentar o arraigamento, o orgullo e o sentimento de pertenza a través da lingua” como un xeito “efectivo e afectivo” de fomentar o seu uso “entre todos os galegos e galegas, en todos os ámbitos —público e privado— e en todas as idades, facendo fincapé na xente máis nova”.
Deste xeito, a campaña centra a súa nova imaxe en persoas de diferentes idades, en situacións de lecer ou de traballo, e tamén reflectindo a actual realidade da nosa comunidade cos novos galegos e galegas provenientes do exterior.
Cursos presenciais e en liña para os novos galegos
Precisamente, o responsable do Departamento da Lingua precisou que no plan de medio cento de medidas para impulsar o uso de galego de cara a 2025 faise especial fincapé no “enorme potencial” que supón o incremento nos últimos anos de chegada á Comunidade de poboación de fóra de Galicia. Deste xeito, considerou “claves” estes cursos de lingua e culturas galegas dirixidos a estes novos galegos e galegas.
Segundo avanzou, para a posta en marcha destes cursos, primeiramente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude porase en contacto con asociacións e entidades que traballan coa comunidades dos distintos países de procedencia destes colectivos para “artellar unha formación á medida das súas singularidades”. En canto á modalidade dos cursos, adiantou que se executarán en dúas modalidades: en liña e presenciais. En ambos dous casos habilitarase un sistema de matriculación previa.
Ao respecto, apuntou que isto suporá a posta en marcha dun programa con medidas que incluirán desde a creación de materiais didácticos ou a posta en marcha de cursos formativos ata a colaboración con diferentes organismos ou outros departamentos do Goberno galego, como é a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Consellería de Política Social ou a de Emprego, Comercio e Emigración para o contacto cos colectivos de diferentes países que están a vivir en Galicia.
Plan con medio cento de medidas de cara a 2025
López Campos enmarcou estes cursos e a campaña presentada hoxe dentro do Plan de medio cento de medidas para potenciar o emprego do galego de cara a 2025. Neste senso, lembrou que ademais destas dúas iniciativas tamén se porá en marcha outras encamiñadas ao impulso do neofalantismo coa creación dun espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego ou a continuidade do proxecto neofalantes.gal, en marcha xa coa Universidade de Santiago de Compostela para “mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.
Ademais, indicou que as propostas centraranse tamén no aproveitamento das novas tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación. Consecuentemente, aclarou que ademais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, avanzarase na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, así como na colaboración con creadores de contido que axuden a favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e as xeracións máis novas.
O conselleiro apuntou que as novas propostas nas que traballa a Xunta de Galicia súmanse ás que están xa en marcha por parte da Secretaría Xeral da Lingua como as colaboracións para dinamizar o galego nos comercios, os programas da Rede de Dinamización Lingüística, as actividades no ensino, a celebración das probas Celga, o aproveitamento dos vencellos coa lusofonía, accións de divulgación como o FalaRedes, Nadal en Rede, o programa 21 Días co galego e+ ou a posta en marcha de concursos e premios no eido da lingua galega.
Pacto pola lingua
O conselleiro aproveitou a presentación da campaña Saca a lingua que levas dentro para anunciar tamén que se ten convocado para o vindeiro 24 de outubro aos grupos representados no Parlamento de Galicia a unha reunión de traballo co obxecto de “abrir o proceso de diálogo para consensuar un gran Pacto pola Lingua”.
“O galego é un dos nosos maiores tesouros, por iso é fundamental traballar xuntos, desde a cordialidade e liberdade, para preservala e poñela en valor”, defendeu López Campos, quen lembrou que con este obxectivo o departamento que dirixe xa ten celebrado reunións con outras institucións de cara a conseguir “un gran pacto a través dun proxecto integrador, no que teñen cabida todos e todas as galegas”.