18-F, a autonomía galega conservadora

Obalance histórico das eleccións autonómicas en Galicia ofrece un impactante resultado: 11-1 a prol da dereita. Polo tanto, de repetirse a vitoria por maioría absoluta do PP en 2028 estaríamos nun marcador 12-1 como o daquel España-Malta. Porén, nos derrotados segue habendo quen considera que esa terrible goleada débese a erros en cada xogada concreta, non miran ao global, á construcción do propio autogoberno, a pesar de que sen crear outro marco sobre o mesmo, e incluso sobre o concepto de galeguidade, nunca serán capaces de alcanzar e reter o poder autonómico. Ou imos ao estrutural, ou seguimos así.


Ese “o de sempre” que tanto se escoitou entre as esquerdas do país na noite do domingo é mentira. A política galega é só unha, dividida no plano autonómico, local e estatal (ata podemos engadir o europeo). E nas eleccións neses chanzos, agás nas do Parlamento de Santiago, a esquerda está habituada a gañar. Por que será?


Pois é porque a autonomía galega naceu e se desenvolveu sobre un marco conservador, centralista e sentimental que provoca desafecto entre sectores progresistas, especialmente nas áreas urbanas. Volveu ocorrer este 18F. Unicamente nos términos municipais de A Coruña e Vigo as forzas de esquerdas perderon 26.000 votos respecto ás xerais de xullo, mentres o PP só sumou 700. Ten lóxica, no Parlamento de Galicia é rarísimo que se fale das grandes cidades, segue sendo unha institución que, como toda a autonomía, parece existir só para o rural e o imaxinario compostelán, creando desafección nas urbes que máis loitaron pola súa existencia. Ou a esquerda racha con ese relato, ou continuará sufrindo. O PP conta cunha gran maquinaria, e cunha idea de autogoberno creado nas súas coordenadas, sostidas moitas veces tamén pola esquerda. Rachar ese marco, insistimos, é o único remedio posible. E a alternativa ten que ser plural, seguramente liderada por un PSdeG que non ‘asuste’ como o Bloque a determinados segmentos de poboación. Teñen traballo os socialistas. O ascenso do BNG non se pode entender sen a súa magnífica candidata, Ana Pontón, e tamén sen a ausencia en campaña dos seus ítems máis tradicionalistas. A líder do Bloque pareceuse moito máis a Yolanda Díaz ou Inés Rey que a Néstor Rego. Apostar polo marco progresista funcionoulle. A ver se o manteñen.


O PSdeG conta cun bo candidato, que non tivo tempo. Debe retelo e á vez actualizar xa o seu discurso, dirixirse á onde están as súas fortalezas e non falar máis, como pasou, de viticultura que dos retrasos no novo Chuac da Coruña. O seu exitoso municipalismo é 100% trasladable ao traballo autonómico. Todo é o mesmo país.


Galicia non é unha comunidade inmóbil e dedicada ao sector primario. Para nada, é unha potencia de modernidade á que se lle podería tirar máis rendemento. Aí debe estar a esquerda, no século XXI, no marco autonómico que lle faga gañar. 

18-F, a autonomía galega conservadora

Te puede interesar