Os expertos din que o clima esta cambiando e explican as razóns de dito cambio. Os cidadán veno e tratan de mitigar os efectos negativos do mesmo, pero non son capaces, pesa máis a insensatez unida ao poderío dos destrutores, daqueles que centran o seu pensar no inmediato enriquecemento e que non se paran a pesar o que pode pasar mañá. A verdade está aí, o inverno e o verán confúndense, as árbores florecen en calquera época, neva cando lle peta e xea sempre, cando non debe xear.
O sol vese pouco e vai e vén sen parar, incluso sen quentar. Pero este ano choveu e chove fóra da nosa terra, alí onde os meteorólogos mediáticos anunciaban, sempre, bo tempo. Bo tempo naqueles lugares turísticos, chova ou non chova; pero este ano, mellor en Galicia, con paisaxes fermosas, con arte, con monte e mar abrazados, con pulpo á feira, con peixe dos pescadores nosos, con viño branco ou tinto, con ledicia, con música e con palabras.
O clima é ben importante, marca o carácter e a forma de ser das xentes que o viven. Por iso temos a obriga de reivindicar unha educación que nos axude á difusión do coñecemento, para poder acadar condicións sustentables e respectuosas co medio ambiente, a biodiversidade e o adecuado desenvolvemento da sociedade e das persoas que a integran.
Os estudos e os científicos teñen moito que dicir. Outros, probablemente, teñen moito que calar. É obvio que ao cambio climático hai que retelo antes da ruína total. Hai que estudar e afondar no coñecemento das súas causas, erradicalas e dicirlles aos que mandan ou coordinan os abusos, que o mundo quere ser outra cousa. E, segundo os técnicos expertos nesta materia, pode ser outra cousa.
Ese efecto invernadoiro do que tanto se fala e tanto se descoñece, ao parecer, é un dos grandes males. Se os gases deste efecto invernadoiro seguen aumentando, e por mor deles, poida que o desxeo faga elevar a superficie dos océanos uns 30 centímetros, destruíndo a fauna e flora das zonas costeiras e modificando a vida da zona polar. “Daquela, como di a Tía Manuela, que será de nós?”
Detrás de todo isto, está vigorosa, e á vista, unha transformación económica capaz de modificar sistemas enteiros, gobernos, fronteiras, países e comunidades. Detrás ou diante de todo isto, están as razóns polas que se produce de forma continuada o cambio climático, chova ou non chova en Galicia