Un ano diferente na Coruña

Aparentamos que si, pero en realidade non somos moi dados a facer balance cando acaba un ano. Se de verdade o fósemos celebraríamos o remate do exercicio con reunións abstemias nas que falar moi equilibradamente do sucedido os doce meses anteriores. Pero resulta que organizamos xusto o contrario, xuntanzas para beber, bailar, esbardallar e que así a ninguén se lle pase pola cabeza agobiar con resumos.


Pero quedaría feo que eu lles escribise hoxe unha columna baseada só niso, no escapismo túzaro, e non o digo porque se trate dunha cuestión que non domine -que teño para encher o periódico enteiro co tema- senón por responsabilidade con quen ten o bonito detalle de achegarse por aquí esperando opinións dignas. Ou porque non se me ocorre outra idea que un balance, que tamén pode ser.


Na miña cidade, A Coruña, 2023 foi un ano diferente. Dalgún xeito, todos o son. Pero neste pasaron cousas que levaban tempo sen ocorrer. Ou que son novas. Como a Cidade das TIC, esa iniciativa que, xunto á Aesia, vainos elevar como referencia europea nas novas tecnoloxías, da man do tecido empresarial, a Universidade e as administracións públicas, co Concello á cabeza.


Tamén foi distinto agosto. Non porque, de novo, A Coruña se botase ás rúas como leva décadas facendo, senón porque en 2023 agosto comezou en xuño e rematou xa no arrinque do outono. A cidade hedonista de Galicia, a súa capital cultural -e de tantas outras cousas máis- apostou pola programación musical como nunca antes, con recintos que chegaron para quedar -eis os terreos portuarios- e con varios festivais de nivel internacional que, aínda así, seguen tendo o máis querido no Noroeste, municipal e gratuíto, un luxo propio do ser herculino.


Así mesmo, sucederon na Coruña dúas cousas que xa case esquecéramos. Ambas na mesma data. A finais de maio, as eleccións municipais confirmaron a Inés Rey á fronte do goberno local. Un alcalde ou alcaldesa non repetía en María Pita tras un mandato enteiro desde 2003, pasaron vinte anos. Un fito político que apunta a unha boa xestión. E que ten aínda máis realce se pensamos que a alcaldesa foi a primeira en subir en concelleiros como candidata á reelección desde que o fixera Francisco Vázquez en 1999. Polo tanto, ninguén neste século acadou o que ela si.


Para o 2024 que entra, A Coruña ten moitos retos. Non partimos de mal lugar, ao revés, pero aí aparecen desafíos como o da fachada marítima ou, previo paso polas urnas o 18 de febreiro, a nosa relación coa autonomía galega, que non sempre apoia como se merece ao principal motor do país. Nin acostuma inspirarse no seu carácter modernista e ambicioso.


Con todo, en términos filosóficos o máis importante para A Coruña a partir de mañá será outra cousa. Cambiamos de era. Chega o Ano 1 d.a. O primeiro ano despois de Arsenio. Deixounos en 2023. Se seguimos tendo presente a súa figura, 2024 irá ben. 

Un ano diferente na Coruña

Te puede interesar