Arsenio e a resistencia

Nos últimos días, moito se fala da capacidade de resistencia humana en cargos de enorme presión. Non paran de saír á palestra pública machitos -de ambos sexos- a explicarnos que isto é a selva, que a chorar a Cangas, en resumo. Si, refírome tamén ao que pasa co presidente Pedro Sánchez, que ten todo o meu apoio. Pero sen mesturar políticamente ambas figuras, nin tolo o faría, eu veño falarlles dunha á que quero bastante máis infinito que ao líder socialista. Eu quero falarlles do eterno Arsenio Iglesias. 


“O gran mito coruñés e de Galicia”. Con estas palabras, a alcaldesa Inés Rey anunciou onte que o raposo de Arteixo, a meirande personalidade da historia do Dépor, terá unha rúa na súa memoria no mellor lugar posible, ao pé da Torre de Maratón, no solo da bancada de General en Riazor, onde se lle quixo e quere con loucura. Un excepcional xesto simbólico que a cidade, e máis alá, aplaudiu feliz. Con moita emoción e algunha bágoa xusto cando se vai cumprir un ano do seu falecemento, e da xigantesca exhibición de amor que provocou. 


Iso é A Coruña, un lugar que rende tributo constante á súa moi extensa historia. Mediante o deporte ou a cultura, a galeguísima identidade herculina vive agora semanas de exaltación que nos confirman como urbe singular, ilustrada, popular, festiva. Que non sería a mesma sen a orde, o talento e a retranca que nos ensinou Don Arsenio Iglesias Pardo. 


Pero, como lles dixen, eu viña aquí a comentar cousas sobre a resistencia humana en postos difíciles. Arsenio deixou moitas pistas sobre iso, que -insisto- non quero extrapolar a ningún outro concepto que non sexa o das persoas, algo que todos somos, que eu saiba. De feito, o mito branquiazul era ante todo iso, un humanista que aplicaba esa característica ao seu traballo, método co que deixou un legado único. 


Froito dunha enmarañada constitución biolóxica, as persoas somos, fundamentalmente, emocións. Todo o que facemos e nos define nace delas, da súa ausencia ou da súa esaxeración, ambas complicadas de controlar ao vires de factores xenéticos e sociais. Se negamos ese feito emocional, facémolo de nós mesmos. A lenda do Dépor nunca o negou. As súas alegrías -no modelo máis coruñés e galego posible- tamén contiñan penas. E así o fixo ver moitas veces. O Arsenio que se desvivía pola rapazada branquiazul -os teus “nenos descamisados e sen durmir” de Valencia en 1991 agora escribimos de ti aquí, mestre- tamén era o que ás veces non podía máis, que tiña momentos de mandalo todo ao quinto pino, como tras aquel empate a cero co Madrid ou cando aturaba unha pancarta en Preferencia que lle dicía “propóntelo y vete” namentras o equipo ía razoablemente ben. Ás veces petou, outras tirou para diante. Iso, mesmo máis que os éxitos no céspede, é o que o converteu nun mito. 


O triunfo eterno de Arsenio foi o de ser moi humano. Un dos mellores que vimos xamais.
 

Arsenio e a resistencia

Te puede interesar