Cinco anos non parecen moito, pero chégalle ben. O mundo vai rápido, mais en termos, por exemplo, políticos tampouco é que sexan demasiado. Así que probemos a botar a vista atrás un lustro cara a miña cidade, A Coruña. Situarse nas coordenadas municipais de abril de 2019 supón atoparse cunha urbe que case nada ten que ver coa actual. Que pasou?
Hai só cinco anos, A Coruña vivía aínda arrastrando os desastres da crise económica, que tanto lle prexudicaron, tamén porque non contou con gobernos locais que animaran a escapar desa lousa. De feito, pensar en quen gobernaba en solitario no Palacio de María Pita hai un lustro nos leva a un pensamento que se move entre a estupefacción e a dramedia. Dirixía daquela a cidade -con toda a administración local nas súas mans- un partido que agora non existe. Tremendo, verdade? Ese feito destaca o que era A Coruña en 2019, a urbe líder de Galicia convertida nun depositorio de parálise e decrecentismo, no que á desesperada, ante o seu fracaso, os gobernantes aprobaban medidas sen base xurídica, namentres presentaban como principal éxito de mandato o vitimismo Por resumilo, non fixeron nada. Apenas se salva a cuberta do estadio de Riazor, que se fixo a pesar da opinión da metade do gabinete de que aquilo era “un dispendio”.
Como os coruñeses non son parvos, esa formación levou o axeitado castigo nas urnas, que sería aínda maior en 2023 tras unha oposición lamentable. E desde entón, hai cinco anos, a cidade é outra. Por resumir rápido, pasamos dun escenario baleiro a que se puxeran en marcha asuntos cruciais como o tren ao porto exterior, actividades nos terreos liberados da fachada marítima, a Intermodal, o novo Chuac, a Cidade das TIC, a Aesia, unha axenda cultural de nivel internacional, BiciCoruña, a ambición para aspirar a ser sede dun Mundial ou relevantes obras en San Andrés, Monte Alto, Castrillón, Alfonso Molina ou Os Mallos, así como a recente recuperación da Pasaxe ou os primeiros pasos do Parque da Agra. Nada que ver co que había. Non son neutral, como en ningunha columna que aquí escribo, pero veño de relatar feitos, non balóns de fume. E este balance non se pode entender sen unha persoa: a alcaldesa Inés Rey.
Esta semana coñecimos que unha profesional de reputado prestixio, Isabel Pardo de Vera, dirixirá o vindeiro Plan Estratéxico da cidade. Fálase da “segunda gran modernización da Coruña”. E hai indicios, veño de enumerar algúns, para ser optimistas. Non só pola cousa municipal, senón tamén polo enorme dinamismo social, económico e cultural da cidade.
Ante un momento alcista de tal intensidade no motor de Galicia, resulta sumamente frustrante que no debate de investidura do presidente da Xunta que se celebrou esta semana, nin Alfonso Rueda, pero tampouco os dous líderes da oposición, falaran nin un minuto da Coruña. Eles o perden, tamén volo digo. Pero está moi mal.