As urnas galegas levan plástico

Saben? Aínda que non o sei exactamente neste caso do que lles vou falar -disculpen- si coñezo que a maioría de urnas como as que poñerá Galicia o 18 de febreiro conteñen plásticos. O normal é que estean feitas de metacrilato, un acrílico. Supoño que se reutilizarán ou se reciclarán, oxalá, pero diso seguramente estarán feitas as nosas autonómicas, inmimentes. A ninguén que non sexa un chiflado se lle ocurrirá fumalas, comelas, esnifalas ou tiralas ao mar, cousa fea. Pero iso, que o saiban.  


Pode o plástico ser o axente decisivo para un cambio en Galicia? Eu, que estou totalmente a favor da alternativa, por fin, ao perpetuo goberno do PP na Xunta teño as miñas dúbidas. Os progresistas dispoñemos de razóns abondas para apoiar a nosa vitoria nos comicios, pero seguramente ningunha delas está relacionada coa suposta (e falsa) apocalípse sobre un mar podre de partículas que nos van matar. Porque non é certo. Non hai máis que ir a unha peixería e comprar produto fresco das nosas augas para comprobalo. 


As boliñas de plástico non son un Prestige nin nada que se lle pareza. Como persoa de esquerdas, que polo tanto cre na ciencia, sei que a longo prazo poden prexudicar o océano, pero tamén que non vai pasar nada tan relevante que xustifique o alarmismo que vimos estes días entre algúns ‘dos nosos’. Desconfío de que a sobreactuación terrorífica sexa o marco progresista que merecemos. Descoñezo en que momento os deste espazo político chegamos a conclusión de que as traxedias nos benefician máis que crear ilusión por un país mellor. 


A Galicia que defendemos, quero pensar, non acende luces vermellas por calquera cousa, pero si sabe que a Xunta do PP non xestiona ben. Non houbo ningún tipo de “segundo Prestige”, insisto, pero si se produciu, como sabemos na Coruña, un “segundo caso xabaríns”. Esta que presenzamos últimamente é a forma de actuar habitual do goberno galego: non asumir as súas competencias, botar balóns fóra, desviar os marróns aos concellos. Vímolo no tema desa perigosa piara de mamíferos artiodáctilos (grazas, google) que se paseou por toda a cidade, literalmente, e na que o Concello tardou un mes en convencer á autoridade autonómica que era cousa súa, como indica o reparto de funcións administrativas. Negábanse. E dicimos isto como podemos dicir dos retrasos no Chuac, a falta de axudas á rebaixa do transporte urbano e moito máis. Non fai falta inventar os mares de Pompeia, a necesidade progresista resulta visible a cotío. 


Os plásticos non deben estar no mar. Nin nas praias. Hai que limpalos. A Xunta pasaba de todo ata que se lle forzou. Iso a retrata. Pero na esquerda non imos gañar eleccións mediante hipérboles. Menos as sentimentales, de marco conservador. O plástico é un dos maiores avances da historia da humanidade. Sen el, volveríamos ao século XIX. E iso a progreso non soa. Había menos urnas. 

As urnas galegas levan plástico

Te puede interesar