Unha das cousas decentes que trouxo certa conversión da política nos consellos da Señorita Pepis foi o de popularizar términos psicolóxicos como o de “pasivo-agresivo”. Moi habitual, tanto que é difícil pensar que algunha vez non o fóramos, todos e todas, agás as deidades de redes sociais, que todo o fan ben e mesmo chegaron a directores galácticos, ata que lle fixeron mirar no espello, no que sae ridículo.
Pero aquí non estamos para falar de desgrazas, senón de política. Hoxe toca a autonómica, esa que seica non atinxe ás dúas grandes cidades do país, os motores de benestar, e mira case en exclusiva á “capital espiritual”, o concepto máis destrutivo que existiu xamais, especialmente para os que nos definimos como progresistas. Falemos de Compostela.
Saben de que vai iso do pasivo-agresivo, non? Do que ten un enorme poder e inmenso privilexio pero amosa vitimismo, a ver se os demais nos rendimos á súa, suposta, grandeza. Que non é tal. Desde A Coruña, ou Carballo, ou Arousa, ou Ferrol, sabemos que non, que Santiago de Compostela non é que nos dea nada, é que nos quita.
Con todo, Goretti Sanmartín, a alcaldesa do BNG da capital espiritual -repito, concepto este reaccionario como ningún- non só non recoñece o favor da delirante e inxusta designacion da súa cidade como epicentro administrativo, senón que considera que están mal pagados todos os xigantescos beneficios que levan por ese feito. Agora pide 8,2 millóns anuais por ser capital administrativa. Hai que botarlle papo.
Manda carallo que os que din anti-centralistas de Madrid -a prol- amosen así a súa tendencia ao centralismo, compostelanista, a cidade da que se extrae o contexto máis reaccionario para Galicia, a de reinos medievais, relixión, invents e solemnidade que converte a este país nun curruncho romántico, contra a nacionalidade de éxito material evidente a pouco que mires a Vigo ou á Coruña.
O centralismo compostelán é o marco no que se asenta a dimisión da dereita á hora de actuar sobre os problemas do territorio moderno que somos. Para comprobalo, só teñen que fixarse en que promociona a Xunta: un país turístico no que as súas principais urbes (insisto, Vigo, A Coruña, pero tamén outras, todas con reclamos marabillosos) non existen, seica só hai que publicitar unha praza pretecnolóxica. Se cadra, o noso son cuestións locais. Se o progresismo -que o Bloque non parece defender- quere activar unha Galicia mellor debería saír do pozo santiagués, dese núcleo listillo que se mira o embigo con fondos públicos (pasivo-agresivo) namentres a comunidade de avances escribe o futuro nas cidades atlánticas.
Permítanme tirar de humor negro. Na década pasada, Compostela tivo un espantoso crime (Asunta) e un delirante roubo (o do Códice). Semella que a actual alcaldesa pensou que nesta liña de True Crime faltaba un atraco. Diso vai a súa demanda centralista.