Poucas veces vimos unha bandeira galega na celebración dun campionato do mundo. Poucas non significa ningunha, que hai casos por exemplo no piragüismo. Tamén o dalgún medallista olímpico que a sacou fóra do podio -onde só se permiten as estatais- como fixo o ferrolán Javier Gómez Noya en 2008. Pero nun Mundial de fútbol non pasara. Ata hai un par de semanas, cando a pontevedresa, e ex-xogadora do Dépor, Tere Abelleira sacou unha, a que lle dixo de levar a súa nai. Unha imaxe histórica.
Da fazaña das mulleres da selección española de fútbol en Sidnei xa se falou moito e á vez moi pouco. O lamentable comportamento do presidente da Federación, Luis Rubiales, eclipsou o momentazo, á que logo lle seguíu á catastrófica e insultante actitude que mantivo ante as críticas e tamén máis dun exceso punitivo despois nas sempre complicadas redes sociais. Pero, dun xeito ou outro e con moito que sachar aínda nesa horta, Rubiales xa é pasado. Mellor. Así que regresemos aos momentos anteriores á súa exhibición de patán. Eses nos que moitos pensamos que por méritos deportivos, Abelleira ben puido ser nomeada mellor xogadora do campionato, xa que ofreceu un tratado de como se xoga no mediocentro nun equipo que, ademais, tiña no equilibrio e a sincronización de liñas un dos seus principais e máis brillantes recursos.
Xa na semifinal celebrou o triunfo sacando a bandeira galega, como faría co título no peto. A futbolista levou a Galicia ao máis alto, o que tamén honrou a aquela Irene González que o facía polas porterías coruñesas hai máis dun século, ou ao Karbo que tanto éxito tivo nos anos 80, cando parecía imposible chegar a un recoñecemento da muller no fútbol como o que agora está en marcha.
Ondeou Teresa Abelleira unha bandeira deste país, a máis bonita, por certo. Non utilizou a institucional con escudo de cáliz, nin tampouco a que leva estrela vermella no centro, claro. Posou coa que podemos chamar “civil”, simple franxa azul sobre fondo branco, a que mellor se presta para a identificación colectiva a pesar de que sexa esquecida por algúns dos partidos políticos que aspiran a representarnos a todos os que aquí vivimos, somos, sentimos.
Galicia necesita darlle á bandeira con ese deseño -que naceu do porto da Coruña- o realce popular que merece. Outras ou son de partido político ou case se converteron na da Xunta, un ente (democraticamente) ríxido. Por iso, insisto, franxa azul sobre fondo branco. Admitida pola inmensa maioría. Ben chula.
Por desgraza, unha muller galega con bandeira galega no cumio do mundo non lle pareceu importante a algúns que reclaman para si o maior e máis puro amor por Galicia. Coa excepción do alcalde de Pontevedra e a deputada Olalla Rodil, o BNG evitou felicitar a Abelleira. Só tiñan que facelo a ela, unha das nosas, non era xurar rojigüalda no Escorial nin invadir o illote de Perejil. Pero nada. Unha mágoa.